Os escolares de Albeiros visitaron O Vello Cárcere de Lugo
Os nenos do colexio de Albeiros realizaron unha visita ás instalacións do Vello Cárcere, dentro das actividades enmarcadas na Programación Escolar do Centro Sociocultural. Baixo o título Un edificio con boa memoria, a área de Cultura achega o Vello Cárcere a todos os centros de ensino de Galicia, cunha visita guiada ao centro que contará con diversas actividades para facilitar a actividade formativa.
Baixo o título 'Un edificio con boa Memoria', o novo Programa de Visitas escolares pretende achegar, de xeito dinámico e divertido, a Historia e o Patrimonio Cultural de O Vello Cárcere aos centros de ensino de toda Galicia. Trátase dunha proposta proxectada polo Espazo Didáctico do Centro, que abrangue as orixes do cárcere no século XIX a través dunha visita guiada acompañada de diferentes actividades adaptadas aos distintos ciclos de Primaria.
VIEIROS ESCOLARES SEGUROS
A concellería de Educación e Difusión do Coñecemento, dirixida por Felipe Rivas, comeza coa implementación de vieiros escolares seguros nos centros de ensino da cidade. Comezaron co proxecto Tecendo Camiños no colexio de Albeiros, cunha primeira reunión coa comunidade educativa para avaliar a estratexia específica para a posta en marcha dos vieiros neste colexio. As distintas iniciativas de calmado de tráfico executadas pola área de Mobilidade nos últimos meses permitiron que este colexio fose un bo escenario para poñer a andar este proxecto.
A primeira fase do proxecto Tecendo Camiños comeza coa planificación dos vieiros escolares, fase na que se está a traballar na análise da situación do centro e que rematará ao deseñarse unha estratexia específica para o centro. A fase de implementación achegará distintas formacións sobre saúde e bos hábitos sobre seguridade vial ás familias e aos nenos e nenas, e permitirá poñer en marcha os vieiros, comezando co apoio dun monitor, e que fomentará que as nenas e nenos continúen a acudir aos centros a pé.
A posta en marcha dos vieiros escolares implica tamén un cambio nas tendencias da mobilidade, reducíndose o uso do vehículo privado.