A Fundación Breogán, en colaboración coa Xunta de Galicia, presentou a terceira edición do ciclo Luz ó Deporte, un programa que busca achegar as experiencias de destacados deportistas a estudantes de centros educativos de Lugo. A presentación tivo lugar na Delegación Territorial da Xunta en Lugo, onde o delegado territorial, Javier Arias, e o director da Fundación Breogán, Luis Abel Taboada, estiveron acompañados por algúns dos protagonistas das charlas.
O ciclo comezará o próximo luns 30 de setembro, coa intervención do psicólogo deportivo Joaquín Dosil, quen abordará a importancia da psicoloxía para mellorar o rendemento tanto deportivo como persoal. Dosil, profesor na Universidade de Vigo e actual coordinador do Servizo de Psicoloxía do CB Breogán e do Celta de Vigo, abrirá esta serie de charlas no salón de actos da Delegación da Xunta.
Outros deportistas destacados que participarán nas seguintes sesións son as xogadoras de voleibol Jessica e Lucy Akamere, que intervirán o 21 de outubro; o capitán do Lugo Sala, Miguel Muñoz, que ofrecerá a súa charla o 18 de novembro; e o boxeador Enmanuel Reyes Pla, que pechará o ciclo o 16 de decembro.
As xornadas están especialmente dirixidas a mozos e mozas adolescentes, pero tamén están abertas ao público en xeral ata completar aforo. Arias destacou a importancia destas charlas, afirmando que os deportistas poderán ofrecer aos asistentes "experiencias útiles que lles axuden no seu desenvolvemento persoal".
As sesións celebraranse ás 12:00 horas no salón de actos da Delegación da Xunta en Lugo.