Os fondos Next Generation destinaranse á peonalización integral do casco histórico de Lugo
Queren completar o 15% da peonalización pendente creando unha rede peonil funcional, verde e accesible para a conversión do centro en Zona de Baixas Emisións.
O Concello de Lugo proxecta acometer a peonalización integral do casco histórico a través dos fondos europeos Next Generation co obxectivo de darlle un impulso final e converter o recinto amurallado nunha Zona de Baixas Emisións (ZBE), que son áreas que pretenden mellorar a calidade do aire e mitigar as emisións de gases de efecto invernadoiro, polo que mellorará a saúde da cidadanía e permitirá unha mellor conservación do patrimonio.
As ZBE serán unha obriga no 2023 para as cidades de máis de 50.000 habitantes tal e como recolle a Lei de Cambio Climático, e enmarcan estas accións no proceso da segunda transformación de Lugo. Esta metamorfosis persegue un cambio do modelo de cidade, “pero tamén da súa economía, e sempre coa sostibilidade como motor de impulso”, inciden dende o Goberno municipal.
O obxectivo que se persegue coas actuacións que se presentan á primeira convocatoria dos fondos de recuperación europeos, aprobados en Xunta de Goberno Local, é completar o 15% pendente para a peonalización integral do casco histórico, xa executada nun 85% con sucesivas actuacións a través de fondos europeos e de recursos propios. “Crearemos, así, unha rede peonil íntegra entre murallas que será funcional, segura, cómoda, accesible, atractiva e adaptada ao cambio climático”, explican, engadindo, ademais, que “estamos a deseñar peonalizacións diferentes que inclúan maiores zonas de axardinamento e arbolado, xa que o casco histórico é deficitario”.
A rexedera lucense, Lara Méndez, explicou que a Zona de Baixas Emisións no recinto amurallado está configurada, ademais, como unha ‘supermanzana’ no Plan de Mobilidade e do Espazo Público de Lugo, partindo do feito que destaca por acoller a sede de diferentes administracións públicas, colexios e mercados, así como por ser o referente na cidade no ámbito turístico pola súa oferta patrimonial e histórica e en calquera tipo de festa ou evento, ademais de estar considerado como a zona cero do comercio da cidade.
Así, a alcaldesa anunciou a presentación aos fondos Next Generation, na convocatoria de creación de Zonas de Baixas Emisións, de dúas solicitudes, tal e como permite a orde do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana:
- ZERO EMISIÓNS: Centro Corazón Verde, que inclúe catro accións intramurallas, e nas que o investimento ascende a 5,9 millóns de euros, 4,4 millóns de subvención máis o 10% de financiamento municipal.
- ZERO EMISIÓNS: Centro Arteria Verde, que inclúe dúas accións que permiten dar continuidade á peonalización exterior do recinto amurallado, no que o investimento é de 3,6 millóns, 2,7 millóns de subvención máis o 10% de financiamento municipal.
RECINTO AMURALLADO
As catro accións da solicitude ZERO EMISIÓNS: Centro Corazón Verde suporán actuar en 21.268 m2 dun total de 82.494 m2 de superficie que mide o recinto amurallado.
Inclúen as peonalizacións, instalación de servizos, humanización e axardinamento:
- Entre a porta da muralla Bispo Odoario e Praza de Ferrol, nas rúas Montevideo, Bolaño Rivadeneira, Ramón e Cajal, Quiroga Ballesteros (tramo comprendido entre Bolaño Rivadeneira e San Froilán) e Amor Meilán (tramo comprendido entre Quiroga Ballesteros e San Fernando). Superficie: 7.887 m2. Importe sen IVE: 1.808.235 €
- Praza de Ferrol, nas rúas Praza de Ferrol e San Fernando. Superficie: 7.055 m2. Importe sen IVE: 1.499.635 €
- Praza de Santo Domingo e rúa Teatro. Superficie: 6.326 m2. Importe sen IVE: 1.198.910 €.
As accións contemplan o deseño das rúas como plataformas únicas e con criterios de perspectiva de xénero, suprimindo as barreiras arquitectónicas tales como as beirarrúas ou escaleiras, garantíndose a accesibilidade total e combinando a utilización de pavimentos descontaminantes con outros nobres e naturais da zona. Ademais, se crearán rúas e prazas más humanizadas, con mobiliario sostible e ampliando as zonas verdes, con axardinamento e arborado, xeradores de aire puro e limpo, claves para mitigar o cambio climático. Así mesmo, recollen a substitución dos elementos que forman parte das diferentes redes de servizos por outros materiais máis sostibles.
Por outra banda, poranse en marcha medidas de control da ZBE en todo o recinto amurallado, por importe de 416.000 € sen IVE, como a instalación de sensores e medidores de calidade do aire.
“Estas actuacións complementarán e ampliarán as medidas que xa estamos a pór en marcha co fin de acadar a Zona Baixa de Emisións como é a instalación dun novo sistema de control intelixente de accesos, por lector de matrícula, co obxectivo de cambiar a regulación do tráfico rodado co fin de restrinxir aínda máis a súa circulación, axilizar as entradas e saídas e reducir o tempo de estancia, ou a creación dunha APP municipal coa información das prazas libres nos estacionamentos públicos.”, avanzou .
PEONALIZACIÓN
En canto á segunda solicitude ZERO EMISIÓNS: Centro Arteria Verde, inclúe dúas accións, coas que o executivo municipal quere darlle continuidade á peonalización cara o exterior do recinto amurallado para acadar contornas más integradas e coherentes. Son as seguintes:
- Humanización da praza da Constitución, que afecta á praza Constitución e ás rúas Cidade de Vigo e Alcalde Ángel López Pérez. Superficie: 8.615 m2. Importe sen IVE: 2.240.000 €.
A proposta de renovación urbana desta praza ten por obxecto a súa conversión nun amplo parque público, que manteña os elementos que a caracterizan, pero ampliando e rexenerando este espazo histórico a través da eliminación do tramo asfaltado da Avenida Alcalde Anxo López Pérez así como do conxunto de illotes e zonas destinadas ao tráfico de vehículos, que se constituirán en tramos de plataforma única con tráfico restrinxido e entrada ao aparcadoiro subterráneo.
O mesmo pasará cos tramos de calzada de asfalto da parte da rúa da Cidade de Vigo que atravesa o lado nordés da praza, e o situado no lado sueste, fronte ás fachadas do antigo Cárcere e da Estación de Autobuses, entre a Rúa Cidade de Vigo e a Avenida Alcalde Anxo López Pérez.
- Peonalización da Mosquera. As subvencións da Orde Ministerial permite incluír obras que se inclúan nos obxectivos de rebaixa dos niveis de contaminación e mellorar a calidade de aire que iniciasen o proceso licitación despois do 1 febreiro do 2020 e que non culminasen a data de inicio da convocatoria, como é o caso desta actuación.