Os hortos escolares regresan aos centros públicos de Lugo como ferramenta educativa

LugoXa
Cada un dos centros escolares participantes contarán con 7 sesións a celebrar os meses de abril, maio e xuño
hortos-escolares-Luis-Pimentel
29 Apr 2025

A Tenencia de Alcaldía a través da Concellería de Educación e Difusión do Coñecemento retoma un ano máis as actividades de hortos escolares nos centros de ensino públicos para as e os estudantes de sexto de infantil.

Rubén Arroxo e Iria Buide visitaron o colexio Luís Pimentel, o primeiro dos centros de ensino nos que se comezou a realizar a actividade este curso. Iria Buide, concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, explicou que "estas actividades utilizan o traballo no horto como recurso educativo, para tratar todo o que ten que ver co medio natural, o seu coidado e a concienciación ambiental".

Ao mesmo tempo, as actividades pretenden ser unha ferramenta para espallar as tradicións galegas relacionadas co inicio da primavera.

O horto, xunto coa aprendizaxe de cantigas, xogos e celebracións tradicionais relacionadas cos ciclos do ano, é unha experiencia na que se pode participar en calquera etapa da vida, pero é, sen dúbida, nas primeiras etapas educativas, onde a estimulación dos sentidos é mais importante, polo que esta actividade supón un recurso educativo de grande interese, para que nenos e nenas de curta idade, vivan, experimenten e gocen do traballo no contorno natural, intervindo nel, dun xeito consciente e responsable e desfruten ao mesmo tempo coñecendo a música, as cantigas, as celebracións e os xogos bailados relacionados con estes traballos.

As nenas e nenos participantes poderán desenvolver a súa capacidade de observación e investigación no contorno, e coñecerán e usarán novas ferramentas diferentes ás de uso cotián. Ao mesmo tempo, achegarase aos participantes a coñecer distintas músicas, cantigas, celebracións e tradicións relacionados co ciclo do ano, e permitiráselles coñecer celebracións tradicionais relacionadas coa natureza.

Cada un dos centros escolares participantes contarán con 7 sesións a celebrar os meses de abril, maio e xuño, con contidos que potenciarán a iniciativa na realización e participación nas actividades e fomentarán o traballo en grupo.

⚙ Configurar cookies
0.12430500984192