Os hostaleiros reúnen os fondos para demandar ao Concello de Lugo pola suba das taxas das terrazas
A asociación Lugo Monumental vén de informar de que a campaña posta en marcha co fin de recadar fondos para presentar unha demanda contra o Concello de Lugo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia pola suba das tasas das terrazas conseguiu o seu obxectivo.
O colectivo, que fixara a cantidade requirida para a tramitación da demanda en 2.500 euros, asegura que a campaña fixo reaccionar incluso a "hostaleiros xubilados, outros que non teñen terraza e que polo tanto non se ven afectados pola suba, e comerciantes de todo tipo de sectores alleos á hostalería de todo o municipio". Esta resposta social, din, permitiulles recadar "en menos de 24 horas bastante máis da metade do diñeiro necesario para a demanda".
Lugo Monumental iniciara esta campaña de recollida de fondos a semana pasada ante unha suba "arbitraria e inxusta" das taxas por ocupación da vía pública mediante a instalación de terrazas. Estiman que o incremento previsto suporá aos hostaleiros do municipio pagar “entre un 187% e un 600% máis que en 2019” segundo as zonas, nun momento no que o sector “está pasando un duro trago do que ninguén sabe moi ben como sairá”. Lembran ademais que “para intentar disimular esta suba, o Concello aprobou bonificacións” para o presente ano, “pero a partir de 2022 a suba será progresiva para aumentar esaxeradamente o que pagabamos en 2019”.