Os locais e as salas de coworking do CEI-Nodus de Lugo cederanse durante un máximo de 3 anos

LugoXa
O Executivo de Paula Alvarellos aprobará na xunta de Goberno Local estas actualizacións coas que se renova unha normativa que se atopaba en vigor dende o ano 2012 A limitación a unha única autorización de uso dun local por parte dun mesmo solicitante ou a cesión dos locais segundo unha vixencia temporal son algunhas das novas normas reguladoras das autorizacións de uso e acceso aos locais do viveiro do CEI-Nodus.
mauricio_repetto_cei_nodus
5 Mar 2024

O Executivo de Paula Alvarellos aprobará na xunta de Goberno Local estas actualizacións coas que se renova unha normativa que se atopaba en vigor dende o ano 2012

A limitación a unha única autorización de uso dun local por parte dun mesmo solicitante ou a cesión dos locais segundo unha vixencia temporal son algunhas das novas normas reguladoras das autorizacións de uso e acceso aos locais do viveiro do CEI-Nodus. O Executivo de Paula Alvarellos aprobará na xunta de Goberno Local estas actualizacións coas que se renova unha normativa que se atopaba en vigor dende o ano 2012, “co fin de potenciar o ecosistema emprendedor lucense, facilitando unha maior rotación nos locais e dando oportunidades a todas e todos os interesados en poñer en marcha os seus proxectos neste viveiro empresarial”, explicou o concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto.

Deste xeito, un mesmo solicitante só terá dereito a un local, a partires da data de aprobación desta nova normativa reguladora, co fin de facilitar o acceso aos espazos a unha maior cantidade de emprendedores. Ademais, os espazos cederanse durante  doce meses, prorrogables por iguais períodos, ata un máximo de trinta e seis meses

para “favorecer a renovación das empresas e o apoio ao maior número de proxectos posible”, engadiu. O mesmo réxime aplicarase aos usuarios da sala de coworking, mentres que o tempo máximo de permanencia dos emprendedores no semilleiro de empresas será de seis meses”.

A piques de cumprir o seu 20 aniversario, o viveiro de empresas do CEI-Nodus é unha “clara mostra da aposta do goberno municipal polo fomento da innovación e a cultura emprendedora en Lugo, pois baixo o seu paraugas, xa se desenvolveron máis dun centenar de empresas na cidade, elevándose a porcentaxe de supervivencia das mesmas por riba dun 75 %”, apuntou Repetto. A través desta ferramenta búscase dar oportunidades aos mozos e mozas, para reter o talento en Lugo, e facilitar a implantación de novas empresas na nosa cidade.

“Actualmente todos os espazos e despachos atópanse ocupados, o que dá boa mostra do interese destas instalacións e servizos para os emprendedores e emprendedoras lucenses”, explicou Repetto, quen convidou ás e aos interesados a enviar a súa solicitude que será avaliada no momento en que queden locais dispoñibles. O Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo púxose en marcha en novembro de 2004. Conta con 23 espazos para o desenvolvemento da súa actividade por empresas de nova creación, 5 talleres, 2 laboratorios e 16 locais. Tamén conta cun espazo dividido en 5 compartimentos para Semilleiro e un espazo Coworking. Nos últimos cinco anos, un total de 122 empresas estiveron instaladas nestas dependencias municipais, onde tamén recibiron asesoramento uns 220 emprendendedores.

Requisitos de acceso aos locais do CEI-Nodus

Para obter a concesión das autorizacións de uso das oficinas e obradoiros do CEI-Nodus os solicitantes non poden ter participado anteriormente como promotor ou socio dunha empresa que estivera instalada previamente no Cei Nodus nos cinco anos inmediatamente anteriores á presentación da solicitude e deben ser pequenas ou medianas empresas (PEMEs), de nova ou recente creación, cunha antigüidade inferior a 12 meses dende o comezo do seu funcionamento.

Ademais, deben estar ó corrente nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e non ter pendente ninguna outra débeda co Concello de Lugo; o seu domicilio social ou centro de traballo ten que ser no municipio e deben ser Ser proxectos empresariais viables e, preferentemente, innovadores pola introducción de novas tecnoloxías ou polo seu carácter novedoso no municipio.

As novas solicitudes revisaranse segundo os criterios de proxección futura/viabilidade, tipo de actividade desenvolta ou prevista, nivel de creación de emprego, fomento de empleo de colectivos desfavorecidos, empresas de economía social e situación persoal e laboral das persoas promotoras.

Semillero de empresas e espazo coworking

O semilleiro de empresas, dividido en áreas independentes de aproximadamente 9 metros cadrados, está destinado a facilitar o traballo de maduración de iniciativas empresariais. Os espazos están dotados de mobiliario de oficina, teléfono e conexión a internet. A duración da estadía no Semilleiro de empresas, será de 6 meses. Pola súa parte, o coworking é un espazo de traballo compartido por profesionais independentes, PEMES e emprendedores, de diferentes sectores, para desenvolver os seus proxectos profesionais de xeito independente, e ó mesmo tempo fomentar a realización de proxectos conxuntos, sendo o tempo máximo da autorización temporal de uso de 36 meses.

As solicitudes de admisión no semilleiro de empresas e na sala de coworking serán resoltas previo informe do equipo técnico do CEI Nodus por orde de entrada, tomando como base a descrición da idea ou proxecto empresarial ou as actividades empresariais que se están a desenvolver.

0.13842296600342