Os Lóstregos Lvcvs organizan unha ruta motera polos Oscos o 14 de febreiro

LugoXa
A actividade inclúe un percorrido con paradas, cocido asturiano e o relato de Roi sobre a súa viaxe en moto desde Lugo ata Xapón, cun máximo de 50 prazas
Moto-Club-Lóstregos-Lvcvs-Roi-Xapón
28 Jan 2026

O Moto Club Lóstregos Lvcvs celebrará o vindeiro 14 de febreiro unha ruta motera polos Oscos que combinará estrada, paisaxe, gastronomía e experiencias persoais arredor do mundo da moto. A xornada partirá desde Villanueva de Oscos ás 10:30 horas, momento no que terá lugar a recepción das persoas participantes e o correspondente briefing previo á saída, prevista para as 11:00 horas.

Ao longo da mañá, a comitiva realizará diferentes paradas, entre elas unha visita ao miradoiro da Paicega ás 11:30 horas durante media hora, unha pausa para tomar caldo quente no Café de Jaime ás 12:30 horas e a continuación a saída cara Grandas de Salime ás 13:00 horas. A ruta continuará cunha parada nos muíños do Rosario ás 13:30 horas, unha pinchada na Vaca Motera ás 14:15 horas e a chegada ao Motard Bar ás 14:45 horas.

Ás 15:00 horas está previsto un cocido asturiano para as persoas asistentes, seguido dunha visita ao mosteiro e á igrexa de Santa María ás 17:00 horas. A xornada culminará ás 17:30 horas cunha charla de Roi, membro do Moto Club lucense, que relatará de maneira amena o seu periplo en moto desde Lugo ata Xapón, a coñecida terra do sol nacente e dos samurais. O evento finalizará arredor das 18:30 horas.

Desde a organización lembran que o encontro está limitado a un máximo de 50 comensais, polo que recomendan non demorar a inscrición ás persoas interesadas. As inscricións poden realizarse a través do teléfono 662548812.

⚙ Configurar cookies
0.078890085220337