Os lucenses con mobilidade reducida que votan en Sindicatos xa non o farán na rúa

LugoXa
Auxilia Lugo lembra que esta solución non é suficiente xa que as dificultades de acceso mantéñense no día a día
auxilia_lugo
Nuria Neira co usuario Diego Moldes,
5 Xuño 2024

Lucía Blanco

Lugo prepárase para vivir unha nova cita electoral cos comicios europeos que se celebran este domingo. Unha cita que implica dificultades para as persoas con discapacidade ou mobilidade reducida que exercían o seu dereito a voto no edificio sindical de Lugo debido aos problemas de accesibilidade.

O montacargas en desuso implicou que nas últimas votacións se repetira a mesma estampa: cidadáns entregando a súa papeleta na propia rúa. Unha situación que se sumaba a que os que estaban na mesa “non ven aos que están fóra esperando. Nos últimos comicios o policía avisaba que baixaran as urnas, senón estás impedindo que os que van sós poidan exercer o seu dereito porque non pode avisar”, explicaba Nuria Neira, delegada de Auxilia Lugo.

Finamente, esta tendencia non se repetirá o día 9, pois Sindicatos  non será colexio electoral. “Comunicáronnos que os votantes deste espazo farano na Deputación”, engade. Este cambio supón un pequeno paso logrado tras o esforzo da asociación que leva tempo demandando melloras para o colectivo. Porén, lembran que esta solución non é suficiente xa que as dificultades de acceso mantéñense no día a día cando unha persoa necesita facer unha xestión ou acudir a unha inspección laboral. “Téñenas que facer na rúa, onde pasa moita xente e acaba sabendo o que estás falando”.

0.19990706443787