Os lucenses poderán desfrutar este verán dunha zona de baño pública no Miño

LugoXa
La Xunta de Goberno adjudicará mañana las obras de la zona de baño pública del Río Miño en Lugo que estarán listas este verano.
Simulación da Plataforma de Baño Pública I
29 Mar 2022

Os lucenses poderán desfrutar este verán dunha zona de baño pública no Miño. A Xunta de Goberno Local adxudicará mañá a súa instalación á empresa Yacht Port Marinas S.L que disporá dun prazo de doce semanas para proceder á súa subministración.

O anuncio o realizou esta mañá a rexedora, Lara Méndez, que lembrou que a actuación, cofinanciada pola Deputación Provincial, terá un custo de 304.920 euros.

A zona de baño se localizará en pleno cinturón verde da capital, a altura da Tolda de Castela. Unha localización – segundo sinalou a alcaldesa– que se considerou idónea, logo das conclusións do estudo de alternativas elaborado e da batimetría realizada.

“Trátase dunha estrutura flotante, de 64 metros de lonxitude, baseada nun sistema modular, que terá carácter temporal xa que estará operativa tres meses ao ano, e que se destinará a zona de baño tanto para adultos como tamén para crianzas”, lembrou Lara Méndez.

A dotación, inspirada no deseño da exitosa enseada de La Villete de París, estará composta por varias seccións. Por unha banda, unha estrutura superior, que servirá como zona de estancia, repouso e para acceso ás piscinas.

Estará construída mediante cubos flotantes debidamente ensamblados e aparafusados, o que lle conferirá unha gran flotabilidad e nulo risco para as persoas usuarias. E, pola outra, contémplase a creación de catro piscinas de distintas características, con superficies útiles de 1’20 m., 0’80 m., e dúas de 0’40 m., cumprindo así coas expectativas en canto a público infantil, xa que cada unha delas estará delimitada para un rango de idade determinado.

As piscinas disporán de fondo, conformado igualmente por cubos flotantes ensamblados e unidos á estrutura superior mediante un sistema de cordas de amarre así como rede de nailon marítimo específica para os laterais das mesmas, permitindo, deste xeito, unha recirculación constante no fluxo de auga e impedindo, ao mesmo tempo, as entradas e saídas polos laterais onde, por outra parte, se adecuarán dúas zonas para que os adultos poidan acceder ao río, xa sen piscina, de maneira segura.

O conxunto flotante irá amarrado mediante cadeas metálicas a mortos náuticos, confeccionados en formigón, de maneira que impida movementos en función de ondadas ou imprevistos. Así mesmo, na súa cabeceira ou acceso a terra amarrarase mediante cadeas metálicas. Deste xeito a estrutura terá nula capacidade de movemento, sendo moi sinxelo adecuala a posibles subidas ou baixadas de caudal e por tanto de nivel.

Por outra parte, o acceso a terra se realizará mediante unha pasarela, construída no mesmo material de cubos e que irá ensamblada conformando un todo homoxéneo, mentres que a zona de terra se acondicionará con laxas xa existentes nesa zona, de maneira que o impacto visual será nulo.

Ao tratarse de elementos modulares isto facilitará a súa montaxe e desmontaxe, que se realizará basicamente de maneira manual, sen emprego de maquinaria pesada, co obxectivo de ocasionar a mínima afección á contorna fluvial e non alterar nin estragar en absoluto a marxe do río, sen danar a fauna e flora existentes mentres que se manteñen as debidas condicións de seguridade.

Deste xeito, non poderán empregarse para os labores ningún tipo de maquinaria pesada (entendendo como tal vehículos que superen os 3.500 kg de PMA). Ademais, durante os traballos a circulación deberá concentrarse nos viais do Parque do Miño para o transporte dos materiais necesarios, accedendo unicamente á zona verde de xeito excepcional, baixo autorización municipal e co compromiso de reposición do terreo ao seu estado orixinal, no caso de producirse algún desperfecto pola aparición de rodeiras, etc.

A rexedora subliñou alén, que “o proxecto da plataforma de baño pública nos permitirá levar a cabo un maior aproveitamento dos nosos recursos, sempre en consonancia cos valores de respecto á natureza e conservación do medio ambiente. Queremos deixar de vivir de costas ao Miño, así o estamos a demostrar con todas as actuacións que recolle a estratexia Muramiñae - a peonalización da Calzada da Ponte, a creación das Caldas, a Pasarela sobre a Nacional VI e mesmo a ampliación e acondicionamento do paso soterrado, a recuperación do Carme ou o carril bici etc”, concluíu Lara Méndez.

A Administración local contempla ademais a dotación de vestiarios e aseos nas inmediacións para incrementar as prestacións da nova dotación que contará, igualmente, con servizo de socorristas. A maiores, o Concello proxecta a mellora do parque infantil sito nas proximidades, incrementando, así, o atractivo da contorna.

0.14607214927673