Os lucenses poderán ver a final da Champions nunha pantalla xigante

LugoXa
A Asociación Lugo Monumental coordinou a instalación da pantalla para gozar do encontro entre o Real Madrid e o Dormund este sábado
bandeiras-comercio-lugo-monumental
Lugo Monumental
27 May 2024

Os lucenses poderán ver a final da Champions nunha pantalla xigante na praza de Santa María. A Asociación Lugo Monumental coordinou a instalación dunha pantalla de 6 x 3,5 metros para gozar do encontro entre o Real Madrid e o Dormund este sábado a partir das 21-00 horas.

Esta pantalla, e o feito de que o partido se retransmitirá en aberto a través da Primeira cadea de Televisión Española, unido a que a previsión meteorolóxica é positiva para este evento, fan prever unha alta afluencia de público. Non é a primeira vez que a Asociación xestiona a instalación dunha pantalla xigante para un encontro deportivo, aínda que soamente ocasións como a presente, en que o encontro se retransmite en aberto nunha canle pública, é posible culminar a proposta.

Segundo sosteñen, as cadeas privadas, mesmo as que retransmiten en aberto, adoitan impedir calquera actividade deste tipo, o que imposibilitou a emisión de partidos do CD Lugo ou o Breogán tal como recentemente ocorreu no encontro entre o Breogán e o Obradoiro. Desde a Asociación queren destacar a xenerosidade dos locais que achegaron a súa colaboración para facer posible que os lucenses poidan gozar desta gran pantalla nun lugar privilexiado como é a Praza de Santa María, sobre todo tendo en conta que a gran maioría de quen fixo achegas son comercios, que non teñen un beneficio directo nesta actividade.

Durante o encontro publicitaranse os locais colaboradores. Lugo Monumental quere tamén facer un agradecemento expreso á Tenencia de Alcaldía e a todo o servizo e técnicos do negociado da Policía Local polo traballo que están a desenvolver. Por outra banda, pediuse  a colaboración do Concello en forma de subministración eléctrica (que xa se confirmou) e reforzo de limpeza e contedores.

0.19553208351135