Os lucenses recadan 11.050 euros para a poboación infantil ucraína

LugoXa
A alcaldesa, Lara Méndez, agradeceu á cidadanía lucense a súa implicación na acción solidaria Lugo con Ucraína.
12 Ago 2022

A alcaldesa, Lara Méndez, agradeceu á cidadanía lucense a súa implicación na acción solidaria Lugo con Ucraína. Unha iniciativa impulsada pola Confederación de Empresarios e a Federación de Asociacións de Veciños e na que Concello e Deputación colaboraron xunto a unha ducia de entidades e negocios locais.

“O obxectivo era impulsar a cooperación social na cidade para contribuír a paliar os efectos da catástrofe humanitaria derivada da guerra e os resultados obtidos, con máis de once mil euros recadados, permiten non só acreditar o acerto da medida senón a vontade solidaria que tan ben nos identifica aos e ás lucenses”, sinalou a rexedora.

Méndez aproveitou o acto simbólico da entrega deste donativo - no que tamén participaron o presidente da Federación de Asociacións de Veciños, Jesús Vázquez; o tesoureiro da Confederación de Empresarios, Jorge Somoza e a deputada provincial Ana González Abelleira - para incidir na importancia de seguir unindo esforzos e de coordinar o labor de institucións, organismos públicos e voluntariado, “co fin de camiñar xuntos na mesma dirección e que a acción humanitaria que se desenvolva sexa o máis eficaz posible”, afirmou.

En total, a organización puxo á venda, a través de mesas de voluntariado instaladas en diferentes puntos da capital, un total de 3.000 camisetas, cuxa adquisición e serigrafía foi financiada polas empresas e as administracións local e provincial.

Agora esa recadación se lle fará chegar á poboación infantil ucraína, o elo máis feble do conflito, a través de Unicef - e en nome da que acudiu a voluntaria directiva, Verónica Mayor Couceiro.

A rexedora recordou que Lugo mantén unha acción coordinada con cidades de Galicia e Portugal a través do Eixo Atlántico, “unha rede que segue crecendo e na que os Concellos estamos a actuar, cada un na medida das nosas posibilidades, para dar unha resposta integral ás necesidades que van xurdindo e dentro da que tamén ten cabida a articulación de mecanismos de apoio co resto de entidades da sociedade civil, entre eles o tecido empresarial e asociativo, que exercen un cometido tan destacado no impulso da concienciación social e da implicación da poboación a título particular”, concluíu Lara Méndez

Pola súa parte, a deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, destacou que a Deputación de Lugo respondeu dende o primeiro momento ante os efectos da invasión de Ucraína polas tropas rusas.

“Aprobamos unha axuda económica directa, unha achega de material en bens de primeira necesidade, a través da Cruz Vermella, e a Corporación provincial asinou unha Declaración Institucional condenando a invasión de Ucraína e amosando a nosa solidariedade coa poboación”, sinalou González Abelleira. Así mesmo, felicitou á veciñanza da provincia de Lugo pola sensibilidade e empatía que amosou con esta campaña de concienciación.

0.20494508743286