Os lucenses reciclaron 18 toneladas máis con respecto a 2023

LugoXa
A cidadanía lucense reciclou nos primeiros cinco meses do ano 2024 un total de 184.097 quilos máis que no mesmo período do ano 2023
contedor_marron_lugo
7 Xul 2024

A cidadanía lucense reciclou nos primeiros cinco meses do ano 2024 un total de 184.097 quilos máis que no mesmo período do ano 2023. O incremento da concienciación ambiental consolídase con esta cifras, que crecen un 19,28 % no caso dos envases lixeiros e un 15,04 % no papel e cartón con respecto ao ano pasado, que xa marcou rexistros históricos nese senso.

“Podemos falar, sen dúbida algunha, de que estas cifras corroboran un cambio de hábitos entre os veciños e veciñas lucenses, que van máis aló dun momento puntual. Consolidar esa concienciación medioambiental redunda positivamente en toda a sociedade ao reducir o consumo de recursos e alongar a vida útil dos materiais recollidos”, destacou o edil de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández.

En total, recolléronse 1.252.137 quilos de envases lixeiros, papel e cartón desde xaneiro a maio do ano 2024. Os datos concretos dos colectores amarelos ascenden a un total de 653.000 quilos (105.540 máis que no 2023) e nos de papel e cartón a 599.097 (78.557 máis). A renovación do servizo de recollida de RSU, limpeza viaria e xestión do punto limpo de Lugo, recoñecida nas últimas semanas coa Escoba de Platino que concede a Asociación Técnica para a Xestión de Residuos, Aseo Urbano e Medio Ambiente, segue a ter unha importante repercusión no impulso dese incremento da concienciación medioambiental.

Así, Fernández subliña “o efecto positivo que tiveron tanto as iniciativas de concienciación e todo o traballo de información, como tamén as maiores facilidades que teñen os veciños e veciñas para facer unha mellor selección dos seus residuos grazas ao incremento de número e colectores ou ao punto limpo móbil, entre outros”.

A implantación do servizo do contedor marrón, que está a desenvolver a súa primeira fase desde o 21 de xuño, supón o seguinte impulso á estratexia que está a desenvolver o Executivo de Paula Alvarellos. “Neste caso, os colectores de orgánico e os puntos de compostaxe non forman parte unicamente dun proceso de recollida e reciclado, senón que abren a posibilidade á súa reutilización, afondado así nunha economía circular”, apunta o edil de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández.

0.20364499092102