Os lucenses serán os encargados de escoller o nome do novo auditorio a través dunha votación

LugoXa
A través da web elixirán entre as propostas actuais: Maruja Mallo, Maruja Villanueva, Fuxan os Ventos e a da Alcaldía, Dario Xohán Cabana
auditorio-de-magoi
28 Nov 2024

A veciñanza poderá decidir á partir do 2 de decembro a través dunha consulta pública articulada no portal web municipal entre as propostas que se trasladaron ao Concello: Maruja Mallo, Maruja Villanueva, Fuxan os Ventos e a da Alcaldía, Dario Xohán Cabana.

A rexedora sinalou que, aínda tendo a potestade para decidir o nome, quere que a nomenclatura final sexa elixida polos veciños respectando o sentir maioritario das e dos lucenses para que a dotación inicie a súa actividade desde a unidade.

“Creo que Darío Xohán Cabana, un home magnífico, sería tamén un nome magnífico para esta dotación cultural. Sen dúbida, outro dos nosos patrimonios inmateriais que queremos poñer en valor cun recoñecemento á medida da súa figura”, sinalou.

Tamén o luns día 2, o Goberno local poñerá ao dispor da cidadanía as entradas para a fin de semana inaugural. Poderanse recoller un máximo de catro pases por persoa de forma presencial na Casa do concello e en horario de mañá e de tarde.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, compareceu esta mañá antes da celebración do Pleno ordinario para comunicar a súa decisión de abrir unha consulta cidadá para elixir o nome do novo auditorio de Magoi. Deste xeito, a veciñanza poderá decidir á partir do 2 de decembro a través dun proceso participativo articulado no portal web municipal entre as propostas que se trasladaron ao Concello: Maruja Mallo, Maruja Villanueva, Fuxan vos Ventos e, a da Alcaldía, Dario Xohán Cabana. “Como alcaldesa, gustaríame moito que esta histórica posta en marcha fose un punto de partida para a instalación onde impere o consenso social, por iso abrimos este proceso para escoller o nome desta dotación que quero comece desde a unidade, respectando o sentir maioritario das e dos lucenses”, asegurou a rexedora.

Alvarellos Fondo sinalou que calquera dos nomes propostos son dignos de recibir o privilexio de bautizar o auditorio aínda que se inclinou por Dario Xohán Cabana como elección. “Unha das grandes voces das letras galegas contemporáneas, excelente poeta e escritor, comprometido traballador público e mellor compañeiro. Cremos que Darío Xohán Cabana, un home magnífico, sería tamén un nome magnífico para un edificio como o Auditorio de Lugo, chamado a ser emblema e altofalante da Cultura con maiúsculas, desa Cultura a que el sempre representou e dignificou. Esa que nos fai sentir orgullo da terra e da nosa identidade e que define tan ben o inmenso legado, humano e literario que nos deixou. Sen dúbida, outro dos nosos patrimonios inmateriais que queremos poñer en valor cun recoñecemento á xusta medida da súa figura”, asegurou. “Esta é a proposta de Alcaldía pero, como digo, a cidadanía decidirá”, concluíu a rexedora.

Deste xeito, aqueles veciños e veciñas que desexen participar poderán facelo accedendo á plataforma de votación a través do portal web municipal. No proceso, regrado e con garantías de seguridade, poderán participar aquelas persoas empadroadas maiores de 15 anos. Para iso será preciso facilitar o número do documento nacional de identidade ou traxeta de residente como proceso previo á verificación do voto e para evitar fraudes e a duplicidade dos sufraxios. En total o proceso estará operativo desde o vindeiro luns ata o día 15 e o resultado final da consulta será anunciado a semana da inauguración do auditorio.

As entradas para a inauguración poderanse recoller desde o próximo luns

Así mesmo, a rexedora informou de que o Goberno local poñerá ao dispor da cidadanía as entradas dos concertos do novo Auditorio a partir do próximo 2 de decembro. Desde esa xornada, aquelas persoas que desexen asistir gratuitamente ás actuacións programadas, tanto de Ainhoa Arteta, previstas para o 20 e o 22 de decembro, ás 20 horas e as 19 horas respectivamente, como á da Orquestra Terra Nova, que se celebrará o sábado 21 a partir das 19 horas, poderán achegarse, de luns a venres, ao Edificio de Novas Tecnoloxías de 10 a 14. horas. E á Conserxería da Casa do concello das 16 ás 20 horas. Entregaranse un máximo de catro entradas por persoa, ata esgotar as localidades dispoñibles, que serán todas gratuítas.

0.17228507995605