Os alumnos máis destacados en Química elíxense este venres en Lugo
A Asociación de Químicos de Galicia e o Colexio Oficial de Químicos de Galicia buscan ao mellor alumnado de Bacharelato en química dos centros educativos de Lugo e a súa provincia a través da XLI Olimpíada Galega de Química 2024. As probas celébranse este venres 8 na Facultade de Ciencias e de forma simúltanea nas cidades da Coruña, Santiago, Ourense e Vigo.
As probas, que teñen dúas partes, comezarán ás 16.30 horas. De 16.30 a 17.30 horas, será tipo test e a segunda parte, de 18.00 a 19.00 horas, consistirá en varios problemas e na interpretación dun suposto práctico de laboratorio. A temática versará sobre química, a partir dos deseños curriculares de Bacharelato de Galicia, nas materias de Física e Química de 1º de Bacharelato e de Química de 2º Bacharelato.
A XLI Olimpíada Galega de Química, segundo destaca Juan Sanmartín, vicepresidente da asociación e coordinador da proba, homenaxea este ano a Arturo Martínez, un químico ligado profesionalmente á empresa Cementos do Noroeste durante máis de corenta anos, primeiro como director de fábrica e logo como máximo responsable do laboratorio central do grupo cementero. Martínez, natural de Mugardos, tivo a acertada iniciativa de incorporar, por primeira vez en España, cinzas volantes procedentes da combustión de carbón pulverizado.
Sanmartín celebra, un ano máis, a entusiasta participación do alumnado de bacharelato. A Olimpíada de Química Galega é a decana destas probas en España e xerme da Olimpíada Nacional de Química. Un tribunal único avaliará os exercicios e proclamará os vencedores. Os alumnos clasificados nos tres primeiros postos por cada un dos distritos universitarios (A Coruña, Santiago e Vigo) recibirán un galardón e diploma acreditativo e todos os participantes levarán un diploma de participación. As mellores alumnas e alumnos participarán na Olimpíada Nacional de Química, que este ano terá como sede a Universidade de Murcia do 26 ao 28 de abril de 2024. “Será unha oportunidade para mostrar o talento científico-químico das novas xeracións de galegos e galegas”, destaca Manuel Rodríguez Méndez, máximo responsable da Asociación de Químicos de Galicia e do Colexio Oficial de Químicos de Galicia.