Os mercadiños no Miño celebrarán dúas citas máis en setembro

LugoXa
O Condello de Lugo organizará dous novos mercadiños en setembro no Miño ampliando así a programación desta iniciativa
22 Ago 2022

O executivo de Lara Méndez organizará dous novos mercadiños os días 4 e 11 de setembro no Miño, ampliando así a programación desta iniciativa, que puxo en marcha a rexedora lucense a comezos de verán, co obxectivo de dinamizar a contorna fluvial e promover os produtos locais e de proximidade. Esta decisión responde ao interese mostrado pola cidadanía e os comerciantes da cidade, que se traduciu nun éxito de participación nas diferentes citas que se veñen organizando os domingos de xullo e agosto.

Trátase de mercadiños multidisciplinares, organizados dende a área de Desenvolvemento Local do Concello, que dirixe Ana Abelleira, nos que converxen postos de comercios locais, obradoiros infantís, espazos para que particulares e asociacións mostren os seus produtos, así como unha zona decorada para facer pícnic, música ambiente e concursos.

“En cada cita hai vinte prazas para comercios da cidade e dez para particulares, asociacións e colectivos que desexen presentar ou vender os seus produtos, de xeito que o obxectivo é achegar artigos de km0 e de establecementos de proximidade do municipio ao público nun ambiente distendido e nun entorno natural único como é a ribeira do Miño, moi concorrida durante os meses de verán” lembrou a concelleira.

Os mercadiños celébranse os domingos, de 11:00 a 15:00 e de 17:00 a 21:00 horas, para facilitar a participación de comerciantes e que poidan ofrecer os seus produtos fóra da tenda. Deste xeito, a próxima cita terá lugar este domingo, 28 de agosto, e as inscricións xa se atopan abertas na páxina web www.localmentelucense.gal/mercados, onde tamén están dispoñibles as bases e máis información.

Os mercadiños combinan postos de comercios locais, obradoiros infantís, espazo para que particulares e asociacións mostren os seus produtos, zona decorada para facer pícnic, música ambiente, photocall e concursos con premios por valor de 1000 euros cada día en vales de compras nos comercios adheridos ao movemento Localmente Lucense.

0.14909696578979