Os mestres están chamados a unha concentración este martes diante do edificio da Xunta en Lugo
Seguindo coas accións programadas este mes de novembro de loita "pola recuperación dos dereitos docentes e pola mellora do ensino público galego", e despois do éxito das accións de protesta realizadas nos centros educativos baixo o lema #oprofesoradononsevende o xoves e venres pasado, os sindicatos CIG-Ensino, STEG e CSIF convocan a todo o profesorado a seguir esixindo a rectificación da Consellaría e que abra novas negociacións para unha baixada real das ratios en todas as etapas educativas desde o vindeiro curso.
Tamén demandan a recuperación do horario lectivo "recurtado polos gobernos de Feijóo e Rajoy, que xa teñen todas as comunidades autónomas menos Galicia e Madrid". Así mesmo, tamén se esixe un plan de eliminación "da burocracia inútil que lastra a función docente cun incremento na dedicación horaria para as direccións, coordinacións, xefaturas de departamento e titorías e a dotación de maior persoal administrativo nos centros e un acordo retributivo que non discrimine o profesorado polo cargo que ocupe ou a súa antigüidade, como si o fai o asinado pola Xunta cunha minoría sindical que non representa nin o 40% do persoal docente galego".
Haberá concentracións simultáneas en ás 19 horas mañá, martes 14 de novembro de 2023, e que serán a antesala doutra gran mobilización, neste caso unha manifestación nacional en Compostela ás 12 o vindeiro domingo, 19 de novembro, na que está chamada a participar toda a comunidade educativa: anpas, familias e alumnado, en defensa do ensino público.
En Lugo a concentración será diante do edificio da Xunta.