Os montes dos Ancares mellorarán os cortalumes de cara ao verán

LugoXa
As actuacións que se están levando a cabo nos montes dos Ancares consisten na roza e mellora dun total de 254 hectáreas de superficie.
os ancares
12 Maio 2022

A zona dos Ancares mellorará o acondicionamento de pistas forestais e cortalumes de cara ao verán. Unhas actuacións que leva a cabo a Consellería de Medio Rural en varios montes do Distrito Forestal VII da Fonsagrada – Os Ancares, cuxo investimento ascende a 185.000 euros. Concretamente estes traballos realízanse en montes dos concellos da Fonsagrada, Navia de Suarna, As Nogais, Baleira, Negueira de Muñiz e Becerreá.

Así, as actuacións que se están levando a cabo nestes montes consisten na roza e acondicionamento dun total de 254 hectáreas de superficie, entre cortalumes e faixas de pistas forestais, ademais da mellora de 81 quilómetros de pistas.

En concreto, nas áreas cortalumes estase a modificar a vexetación existente, mediante motoniveladora e bulldozer, co fin de crear ou mellorar liñas de defensa para así facilitar os traballos de extinción nestas zonas estratexicamente localizadas. No tocante aos traballos en pistas, estes inclúen a colocación de pasos de auga naqueles lugares onde son necesarios, a mellora de pistas forestais xa existentes con motoniveladora e bulldozer e aporte de áridos, así como a apertura de cunetas.

Todas estas actuacións buscan facilitar o acceso a estes montes por parte do Servizo de prevención e defensa de incendios forestais, para así garantir a correcta circulación dos vehículos antiincendios. Ademais, tamén se busca interromper a continuidade da vexetación naqueles lugares especialmente axeitados de cara a deter un posible incendio forestal na zona e protexer os principais valores naturais existentes nela.

Estas obras enmárcanse no Plan de prevención de incendios forestais da Consellería do Medio Rural. O obxectivo final destas accións preventivas é evitar que o lume se produza, e en caso de producirse, limitar ao máximo a súa propagación e minimizar os danos causados.

0.18552279472351