Lugo recupera a tradición dos maios da man da Tradescola

LugoXa
Este xoves a cativada da Tradescola celebra os maios e daranlle a benvida á primavera cunha nova actividade de difusión e promoción da nosa música, o noso canto e o noso baile tradicional.
os_maios_tradescola
9 Maio 2024

Este xoves a cativada da Tradescola celebra os maios e daranlle a benvida á primavera cunha nova actividade de difusión e promoción da nosa música, o noso canto e o noso baile tradicional.  A partir das 17.00 horas terá lugar a elaboración dun maio figurado que se recubrirá con fentos, fiúncho, herbas e flores silvestres na praza de san Marcos de Lugo.

A continuación, os máis pequenos da Tradescola ofrecerán distintas actuacións nas que se poderá gozar de numeroso repertorio tradicional cantado e bailado ao redor dos maios. Esta é unha nova actividade que se suma ás levadas a cabo durante o curso, no que a maiores das aulas impartidas de zanfona, gaita, acordeón, baile tradicional, canto e pandeireta, percusión, requinta, e linguaxe musical, están realizándose tamén certames e concertos didácticos de música Tradicional para escolares de distintas comarcas da provincia.

A festa dos Maios, é unha festa popular de orixes ancestrais. Esta celebración primaveral adóitase celebrar a principios do mes de maio, e é común en moitos países de Europa, onde existen variantes similares da mesma festividade. A festa consiste en realizar diversas representacións ao redor dunha árbore ou escultura, chamada maio. Grupos de xente cantan coplas populares (que tamén reciben a denominación de maios), mentres camiñan e bailan arredor da escultura, acompañados da percusión de dous paus.

Era habitual pedir aos asistentes un aguinaldo que, por Lugo e Ourense, adoitaba consistir nunha presada de castañas maiolas (castañas secas), noces ou abelás. As figuras que protagonizaban a festa, podían ser maios figurados ou maios humanos.  Sobre esta estrutura debúxanse distintos motivos con flores, follas, fiúncho, fentos, bugallos, froitos ou mesmo ovos, como materiais máis habituais. O cumio remátase (coróase) cunha cruz.

0.19564390182495