Os nenos de Antas de Ulla reciben as videochamadas dos Reis Magos
A noite do 5 de xaneiro é a máis especial para a maioría dos nenos. En Antas de Ulla tiñan programada unha cita chea de actividades preparada para eles. Porén, debido á situación sanitaria que se está a vivir decidiron tomar a decisión de cancelala.
Como alternativa, os pequenos podían apuntarse para recibir unha videochamada das súas Maxestades de Oriente e así poder contarlle de primeira man os seus desexos de cara a esta noite. Durante estes días, están a recibir a chamada dos Reis Magos.
Con esta iniciativa o Concello busca manter o optimismo, a ilusión e a maxia propia destas datas, xa que a Covid truncou os planes iniciais que incluían inchables, tobogán e rocódromo.
A volta á clase é cada vez máis inminente polo que estes días son aínda máis especiais para os nenos que intentan aproveitar ao máximo o seu tempo libre para xogar e desfrutar. As chamadas cos Reis Magos permiten que soliciten de primeira man as súas peticións e que o fagan dunha maneira que axuda ao freo de contaxios e que vela pola saúde pública.