Os nenos de Friol poderán desfrutar de novo da Festa de Reis
Os nenos de Friol poderán desfrutar de novo da Festa de Reis que o Concello organiza para eles e que se celebrará no pavillón municipal, o día 5 de xaneiro, a partir das 17.00 horas.
Os dous últimos anos os Reis Magos de Oriente non puideron facer a festa que viñan celebrando no pavillón municipal, e optaran por percorrer unha por unha as vivendas do municipio, entregando a cada neno e nena un agasallo.
Pero os mais novos xa tiñan ganas de poder celebrar todos xuntos, coa festa, os inchables, as sorpresas, os amigos e as familias, polo que dende o concello optaron por retomar esta festa que tanto gusta a todos.
Poderán asistir á festa os nenos e nenas de Friol, que recibirán a súa entrada nos seus domicilios. Estas entradas serán personalizadas e con un número. Con este número poderán participar no sorteo de numerosos agasallos, que se celebrará aquel mesmo día, polo que deben asistir con dita entrada.
Na festa poderán entregar aos Reis Magos as cartas que escribiron para eles, onde piden o que desexan que lles traian esa noite de Reis.
Poderán desfrutar ademais de inchables, xogos, entrega de diplomas dos obradoiros de Nadal, e degustar un rico chocolate con biscoito, entre outras moitas cousas.
O alcalde de Friol, Jose Á. Santos, dixo que “dende o equipo de Goberno queremos que as familias volvan desfrutar de este día tan máxico e especial, sobre todo para os nenos e nenas de Friol, que tanto desfrutan de esta Festa de Reis”.