Os novos candidatos do BNG mostraron o seu apoio ao sector da limpeza nas súas reclamacións
Daniel Castro, cabeza de lista ao Congreso por Lugo, e Cristina López, número 2 da candidatura do BNG, mantiveron unha xuntanza con representantes do sector.
O BNG trasladou o seu apoio ás traballadoras do sector da limpeza, que onte realizaron unha xornada de folga demandando un convenio digno. O cabeza de lista do BNG ao Congreso, Daniel Castro, e a número 2 da candidatura, Cristina López, mantiveron unha xuntanza con representantes da CIG no sector, onde coñeceron de primeira man o estado das negociacións e as reclamacións das traballadoras. Daniel Castro afirmou que “trátase de reclamacións xustas para rematar coa precariedade nun sector esencial como é a limpeza”.
O sector da limpeza está a reclamar, ademais da mellora salarial, unha serie de melloras sociais e laborais como o complemento do 100% nas baixas, a reducción da xornada máxima semanal ou o aumento dos días de asuntos propios. ”Trátase de demandas xustas que mellorarán a calidade de vida das traballadoras”, declarou Daniel Castro.
Segundo datos da CIG, o salario anual dunha traballadora do sector está 1.800€ por debaixo do SMI, ademais, trátase dun sector amplamente feminizado e precarizado. “A patronal ten que responder á mobilización masiva das traballadoras acontecida onte”, explicou o candidato do BNG, que engadiu “agardamos que na xuntanza de negociación do vindeiro día 27 se avance na mellora do convenio”.