Os Orzamentos de Lugo para 2026 apróbanse cos votos do PSOE e do BNG

Os Orzamentos do Concello de Lugo para 2026 saíron adiante tras celebrarse o pleno municipal, contando cos votos favorables do PSOE e do BNG, é dicir, 13 votos contra os 12 do Partido Popular, que non votou a favor.
Na sesión, ademais, aprobáronse tres das emendas presentadas aos orzamentos polos populares, a execución do saneamento na rúa Fermín Rivera, a renovación da rede de saneamento se destinen á execución do saneamento de Esperante e a bonificación do IBI e a eliminación da plusvalía para os propietarios de terreos afectados polos cambios de cualificación nas áreas de expansión, que actualmente están a tributar como solo urbano sen posibilidade de edificar; que contou co voto favorable da concelleira María Reigosa, que recentemente pasou a ser independente por deixar a militancia socialista.
Por outro lado, os populares criticaron o tempo necesario para analizar a documentación que conforma o expediente do pleno. Elena Candia solicitou máis tempo para revisar os documentos antes de formalizar as decisións finais, enmárcandose todo no procedemento ordinario de estudo das enmiendas.
Con todo, a aprobación dos orzamentos permite ao Concello de Lugo planificar os gastos e investimentos para o próximo ano, mentres que o episodio do IBI amosa as diferenzas internas e as dinámicas políticas que marcan o actual escenario municipal.
VALORACIÓN DO BNG
Así, Rubén Arroxo, durante o pleno, defendeu as partidas do orzamento de 2026 correspondentes á Tenencia de Alcaldía, sinalando que se trata “do proxecto máis importante dunha corporación municipal, e este ano permitiranos facer fronte aos retos actuais da cidade nun momento moi especial para Lugo”, en referencia a que a cidade superou por primeira vez a cifra de 100.000 habitantes.
O Tenente Alcalde detallou algunhas das partidas máis significativas. Na área de Mobilidade e Infraestruturas, destínanse 900.000 euros a repavimentacións e asfaltados de rúas, acompañados de 100.000 euros para o repintado da sinalización horizontal, investimentos que, segundo Arroxo, permiten “avanzar no mantemento tanto da sinalización, que hai que renovar ano a ano, como nas rúas en si, dado que Lugo ten un elevado número de vías que cada ano requiren un investimento importante”.
Para mellorar a circulación, anunciáronse 600.000 euros para construír varias rotondas en puntos chave da cidade, como a Avenida de Magoi, a intersección entre a Avenida de Breogán e a rúa do Colexio Casás, e o cruce entre Angelo Colocci e Santo Graal. Estes proxectos buscan incrementar a fluidez do tráfico e a seguridade viaria, reducindo as posibilidades de colisión entre vehículos. As zonas industriais contarán con 250.000 euros para mantemento dos seus viais, incentivando que máis empresas se instalen nos polígonos.
En materia de melloras viarias, destínanse 238.000 euros ao acondicionamento da unión de San Lázaro coa Louzaneta, e 125.000 euros para a humanización de Río Eo e Otero Pedrayo, no espazo da antiga discoteca Iguazú, co obxectivo de crear novos espazos de convivencia veciñal e avanzar na chamada “cidade dos 5 minutos”.
As contornas escolares tamén recibirán atención, con 100.000 euros para a renovación da proximidade do Colexio Illa Verde, seguindo proxectos similares aos realizados no colexio Rosalía, que melloran a seguridade peonil e amplían beirarrúas. Na zona norte investirase 20.000 euros para acondicionar a rúa Lavandeira, 160.000 euros para renovar o alumeado público da rúa Cambria e 150.000 euros en novo mobiliario urbano.
Arroxo anunciou tamén 970.000 euros para a construción dunha pasarela sobre a Ronda da República Arxentina, que eliminará unha barreira urbanística e conectará dúas zonas verdes, creando un novo itinerario peonil dende o centro ata o Miño.
Na área de Cultura, o San Froilán contará con 1.093.000 euros, dos cales 475.000 euros se destinan a concertos, cun importante gasto en produción compensado parcialmente pola Deputación de Lugo. Ademais, 40.000 euros se reservan para o Vello Cárcere, 50.000 euros para renovar elementos no Auditorio Gustavo Freire, 45.000 euros para o Fuxan os Ventos, 15.000 euros para a Banda de Música e 20.000 euros para as salas museísticas municipais. A programación cultural anual conta cun orzamento de 650.000 euros, que inclúe actividades en edificios e en espazos públicos, e 53.800 euros para a cabalgata de Reis.
A área de Participación destina 20.000 euros á Praza de Abastos para arranxo de locais, 50.000 euros a melloras e sistemas de extracción de gases, e 157.000 euros ao Cemiterio Municipal para adquisición de material, arranxos e ampliación do espazo para mascotas. Tamén se reservan 50.000 euros para melloras na nave das asociacións.
Finalmente, na Concellería de Educación, 70.000 euros destínanse á mellora dos edificios educativos municipais, 24.000 euros á climatización da EIM Gregorio Sanz e 30.000 euros ás alarmas dos CEIPs. Arroxo subliñou que o Concello gastará 1.062.696 euros nos comedores escolares, garantindo así que nenos e nenas non queden sen este servizo esencial.
VALORACIÓN DO PP
Tras o debate orzamentario, os populares manifestaron a súa profunda preocupación pola reflexión coa que o alcalde pechou a sesión, ao recoñecer publicamente que non sabía cal ía ser o sentido do voto de cada concelleiro. Segundo destacan, unha afirmación deste calibre evidencia unha enorme incerteza e unha preocupante falta de coordinación interna, impropia dun goberno que debe garantir estabilidade e seguridade nas súas decisións.
O propio alcalde chegou a admitir que “nós non sabemos o que se vai votar aquí, esa prioridade cada un se marca; cada un de nós vota o que ten que votar”, unha declaración que, segundo os populares, reflicte a ausencia de liderado e a situación dun Lugo en mans dun goberno sen rumbo definido.
Ademais, o goberno local presentou unhas contas acompañadas de informes negativos, que incumpren a sostibilidade financeira ao gastar dez millóns de euros máis do que ingresan nos gastos correntes, violan a regra de gasto e desoen as advertencias sobre frear o gasto indiscriminado e non obrigado, o que provocará que a débeda alcance os 40 millóns de euros.