Os Orzamentos do Concello de Lugo para 2025 apróbanse co rexeitamento do PP
Os Orzamentos do Concello de Lugo de 2025 foron aprobados polos concelleiros socialistas e nacionalistas, que forman parte do Goberno local, co voto en contra do Partido Popular.
Estes Orzamentos, que ascenden a 121,1 millóns de euros, un dos máis elevados na historia do Concello, permitirán “impulsar proxectos que levamos preparando moito tempo, como a transformación do Carril das Flores, a entrada ao casco histórico polo camiño primitivo que mellorará tamén un punto onde se atopan dous patrimonios da humanidade. Ademais, o orzamento permitirá seguir impulsando proxectos como o calmado do tráfico ou ampliar a programación cultural unha vez aberto o Auditorio Municipal Fuxan os Ventos", tal e como defende o tenente de alcalde, Rubén Arroxo.
Pola súa parte, a portavoz popular, Elena Candia, sostivo que este ano “haberá menos investimentos, diminuíndo este por primeira vez nos últimos anos”. Candia salientou que lle dan o dobre de diñeiro a unha entidade veciñal, “que está nas cinzas e en proceso de autodemolición que a Cáritas; ou que destinan 6 veces máis a xestionar as redes sociais que a ASPACE; ou 10 veces máis que á Asociación do Cancro”.
A popular tamén lamentou o uso abusivo de contratos menores na área de dinamización económica, xa que na partida de propaganda teñen máis orzamento que todo o que destina a o EMEVE e ao ENSINO xuntos.
A voceira popular afeou que o Goberno local presentase os orzamentos “tarde e sen consensuar coa oposición nin cos representantes dos traballadores”.
Ademais, lembrou como o PP rexistrou unha batería de emendas para que Lugo teña unhas contas “máis equilibradas e sociais, que van na mesma liña que o medio cento de propostas que se presentaron o pasado 13 de xaneiro”.
Porén, Elena Candia agradeceu que aceptasen estudar a entrada a Lugo pola Fervedoira, ampliar as instalacións da protectora, cubrir a pista de petanca, cumprir co convenio do aparcadoiro do Carme ou que se aposte polo Camiño de Santiago, que tanto denostou, e que agora invista na súa contorna.
PROPOSTAS DO BNG NO PLENO
Os nacionalistas presentaron no pleno municipal unha proposta para defender a figura de Castelao, enmarcada no Ano Castelao 2025, na que pedían que o Concello inste á Xunta a recoñecer a Castelao "como presidente de Galicia, e o Consello de Galicia como o primeiro goberno galego da etapa contemporánea", explicou o edil Alexandre Penas.
O concelleiro destacou a figura de Castelao como "a principal figura política e cultural da historia contemporánea de Galiza", e destacou que "toda a súa vida e a súa obra constitúen un inmenso legado político e cultural que é preciso administrar e divulgar, facendo que os seus ideais se fagan realidade na Galicia de hoxe".
Segundo Alexandre Penas, "continuar con esta visión distorsionada, converter a Castelao nun mito desprovisto de ideoloxía e de compromiso político, constitúe unha fraude histórica e unha negación do legado inmenso que nos deixou", apelando ao PP, que votou en contra da proposta.
Por outra banda, o BNG defendeu tamén unha proposición para reclamar ao Estado que interveña ante a situación actual do sector do taxi. "Estamos a ver como moitos profesionais están a recibir subas de ata 12 veces o prezo anterior do seu seguro", explicou Rubén Arroxo, que engadiu "esta situación está poñendo en perigo a continuidade da actividade de moitas e moitos profesionais, especialmente no caso das e dos autónomos"
A proposición, aprobada por unanimidade, reclama ao Goberno do Estado que a Dirección Xeral de Seguros, dependente do Ministerio de Economía, supervise ás compañías aseguradoras, evitando prácticas abusivas como subas inxustificadas de prezos que non se axustan aos riscos, e a formular as medidas precisas para garantir que as aseguradoras non poidan acometer prácticas unilaterais e abusivas.
PROPOSTAS DO PP NO PLENO
O Partido Popular conseguiu que o pleno municipal de Lugo aprobase por unanimidade a proposición para actualizar o convenio co Colexio de Xestores Administrativos, o que mellorará a atención cidadá na cidade. Esta medida permitirá un acceso máis áxil a documentos clave como os certificados de empadroamento e xestións tributarias, facilitando a vida diaria dos lucenses. A proposta foi unha petición que o colectivo de xestores trasladou ao PP, e este apoiouna, destacando que Lugo necesita unha administración que sexa un verdadeiro apoio para os cidadáns.
Non obstante, o PP viuse bloqueado noutros aspectos importantes. PSOE e BNG rexeitaron tres propostas clave que o grupo popular levou ao pleno. A primeira, centrada en impulsar Lugo como Cidade Universitaria, incluía a creación de convenios para integrar o coñecemento académico en proxectos municipais, bolsas de traballo con empresas locais e prácticas remuneradas no Concello.
Ademais, tamén bloquearon a apertura da Avenida Vila Verde, un trámite que é competencia municipal; así como non votaron a favor da proposta popular para revitalizar Recatelo e o Parque de Rosalía. O PP defendía a creación dun plan integral de conservación e dinamización para recuperar o valor desta zona, pero o PSOE e o BNG non apoiaron a iniciativa.
Para Candia, Lugo merece máis, e desde o PP seguirán defendendo iniciativas que melloren a vida dos lucenses, malia que o goberno local prefira, segundo ela, poñer paus nas rodas.
A tensión política segue sendo palpable no Concello de Lugo, onde a falta de acordo entre os grupos dificulta o avance en algúns aspectos clave para a cidade.