Os populares aseguran que Arroxo manipula aos veciños co proxecto da planta de biometano

LugoXa
O PP defende os compromisos adquiridos cos veciños, tanto cara a cara como nas institucións
manifestación-planta-biometano-Coeses-Lugo
12 Jul 2025

O Grupo Municipal do Partido Popular considera que as declaracións do BNG sobor do proxecto da planta de biomentano de Coeses evidencia o enfado de Rubén Arroxo ante o feito de que dito proxecto non continúe adiante.

"Unha vez máis, o tenente de alcalde demostra que non lle interesan nin os veciños das parroquias afectadas nin o futuro da cidade, senón unicamente usar calquera asunto como escusa para atacar á Xunta de Galicia, ao Partido Popular e a Elena Candia", din.

Lembran que Arroxo coñecía este proxecto de pranta de biometano en Coeses dende decembro de 2021 e, malia iso, non se reuniu xamais cos veciños ata xuño de 2024, tras coñecer que o Grupo Municipal do PP xa mantivera un encontro con eles: "Rubén Arroxo actuou por reacción, amosando ata o de entón ningunha preocupación polo proxecto".

Ademais, din que votou en contra das iniciativas do PP levadas ao Pleno para facer fronte a esta problemática, "negándose a exercer as competencias municipais e situándose de perfil, como é habitual no BNG nos temas importantes para Lugo".

"O señor Arroxo tamén enganou á opinión pública ao presentar a declaración como Iniciativa Empresarial Prioritaria como un proceso que favorecía á empresa, cando en realidade só supón unha redución de prazos mantendo todas as garantías. Non se pode esquecer que foi a Xunta de Galicia quen emitiu un informe desfavorable sobre o proxecto", engaden.

Din tamén que "falta á verdade" cando se refire á moción presentada polo BNG no Parlamento de Galicia, que non só non contou co apoio do PP, senón tampouco co do seu socio de goberno no Concello, o PSdeG. "Nin sequera a anterior alcaldesa, Lara Méndez, agora deputada autonómica, apoiou esa iniciativa".

"No Parlamento galego, o BNG rexeitou o diálogo, optando por traer unha proposta adaptada á realidade de Castela e León, e non á de Galicia, o que demostra a súa desconexión coa realidade galega e, sobor de todo, a escasa importancia que para eles ten o asunto da pranta de Coeses, máis alá de buscar confrontación", explican.

Engaden tamén que o PP non apoiou a súa iniciativa, "como el afirma falsamente, pois era un mero intento de lavado de cara, sen asumir responsabilidades e sen adoptar medidas no exercizo das competencias municipais".

O PP defende os compromisos adquiridos cos veciños, tanto cara a cara como nas institucións. "Pola contra, Rubén Arroxo oponse ao proxecto nos medios de comunicación pero facilita a súa tramitación dende o Concello, sen ter en conta as restricións que marca a ordenanza municipal de protección do medio ambiente vixente".

Desde o PP reclaman que o Concello exerza as súas competencias e adapte a normativa municipal para protexer aos veciños, especialmente a través do artigo 80 da Ordenanza Municipal de Protección do Medio Ambiente, que permite informes municipais máis contundentes en contra da implantación da planta. "Pero o goberno local non o quere aplicar, porque iso impediríalles seguir culpando á Xunta e facendo oposición á oposición", subliñan.

⚙ Configurar cookies
0.14468502998352