Os populares celebran que a Comisión Europea diga que "aínda se está a avaliar" o proxecto de Altri
Os eurodeputados do Partido Popular de Galicia, Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez, celebran o novo pronunciamento da Comisión Europea sobre o a futura biofábrica de fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei no que, tras un novo intento por parte do BNG de “obstruír o proxecto”, o órgano comunitario lembra que este “aínda está a ser obxecto dunha avaliación” e reafirma así a súa confianza no traballo realizado pola Xunta.
É a sexta vez que a Comisión Europea se pronuncia sobre o proxecto de Altri. Nesta ocasión, a eurodeputada do BNG preguntaba se se examinaran os documentos presentados polos colectivos afectados en abril deste ano. A Comisión Europea, pola súa banda, confirma que revisou a información dispoñible, tanto os mencionados documentos como os publicados pola Xunta de Galicia, e reitera que non recibiu probas que apunten a un incumprimento da lexislación da UE.
O eurodeputado Francisco Millán Mon subliña que este novo pronunciamento da Comisión pon en evidencia a “insistencia irrazonable” do BNG e da esquerda: “Seis veces preguntaron á Comisión e seis veces respondéronlles que non hai incumprimento. A Comisión non pode ser máis clara. Desde o Partido Popular sempre defendemos que o proxecto de Altri pode ser un bo medio de creación de emprego e innovación industrial, pero é esencial que se cumpran os requisitos legais e ambientais.
Por iso, a tramitación do proxecto está a ser absolutamente garantista”, argumenta o eurodeputado popular. “Hai que deixar traballar aos técnicos e aos expertos, que están a levar a cabo a súa tarefa de análise e avaliación do proxecto con todo rigor”, pide Millán Mon. Pola súa banda, Adrián Vázquez insiste en que “en Europa teñen claro que a obsesión do BNG con Altri non ten nada que ver coa ecoloxía, senón que se trata dunha maneira pouco sofisticada de tentar desgastar a un Goberno que funciona”.
Nesa mesma liña, Vázquez celebra que Europa avale por sexta vez que “as cousas se fan ben e que sexa a Xunta, quen mellor vela polos intereses de Galicia, a que decida sobre un proxecto tan importante como este”. “A Administración autonómica conta con magníficos profesionais. Deixemos que faga o seu traballo e deixemos de presentar peticións á Comisión que só danan a imaxe de Galicia en Europa”, conclúe.