Os populares de Lugo celebran a posible adhesión de Lugo ao programa VioGén

O Grupo Municipal do Partido Popular de Lugo mostra a súa satisfacción polo feito de que, despois de seis anos de insistencia, o Goberno local estea a piques de adherirse ao programa VioGén, un protocolo clave para mellorar a coordinación policial e garantir unha maior protección ás vítimas de violencia de xénero.
Para o Partido Popular, a adhesión a VioGén "non é simplemente un trámite burocrático senón unha acción clave para ofrecer unha mellor protección ás vítimas de violencia de xénero".
A cidade de Lugo é a única gran cidade galega que non está integrada no programa VioGén, a pesar de que no 2019 e no 2020 se aprobaron dous acordos plenarios que instaban ao goberno local a dar este paso.
"Foron seis anos de espera, seis anos nos que as vítimas de violencia machista en Lugo non contaron coa mellor coordinación posible entre administracións e Corpos de Seguridade do Estado", denunciaron desde o Grupo Popular.
Dende o Partido Popular de Lugo esixen que a firma da adhesión se leve a cabo de maneira inmediata e que se poñan en marcha todas as medidas necesarias para que a integración no sistema VioGén sexa efectiva.