Os populares denuncian a falta de instalacións deportivas en Lugo

LugoXa
O concelleiro popular Enrique Rozas afirma estar preocupado pola incapacidade do Goberno local para solucionar os problemas de falta de instalacións deportivas en Lugo.
21 Mar 2024

O concelleiro popular Enrique Rozas afirma estar preocupado pola incapacidade do Goberno local para solucionar os problemas de falta de instalacións deportivas en Lugo. “Estamos ante un goberno que, si de algo pode presumir, é da total desidia que manifesta en todos os proxectos deportivos da cidade”.

Rozas denuncia a oposición do Concello para suscribir o convenio da Fegamp para o uso das instalacións deportivas dos centros educativos, unha medida adoptada por outros municipios e que supón un incremento importante de dotacións. Ademais, sinala proxectos que non chegan ver a luz como o pavillón Sport Life ou as zonas deportivas de Sanfiz e reformas coma os 140.000 euros investidos no Palomar, “que non habilitan as instalacións para a súa homologación”. Por outra banda, destacan as “pistas en mal estado, vestiarios obsoletos ou inundacións”, como as das pistas de atletismo das Pedreiras.

Neste senso, o popular considera insuficiente o diñeiro que se asigna para o deporte nos orzamentos municipais. “Neste 2024 figura unha partida de 350.000 euros que supón un 0,28% do presuposto total do Concello de Lugo que ascende a 121 millóns de euros”. Para el toda a acción do Goberno local se resume “en anuncios de proxectos que finalmente quedan sen executar e que acumulan anos de retrasos. Estamos a converter a cidade de Lugo nun cemiterio de infraestruturas urbanas sen uso e abandonados”.

0.16830682754517