Os populares de Lugo piden acelerar o Plan Paradai
Unha resposta por escrito do Goberno central a preguntas dos deputados populares certifica que o concello de Lugo “foi o que paralizou durante anos o desenvolvemento do Plan Paradai”. Cristina Abades lembra como no ano 2020 a alcaldesa de Lugo e o presidente da Confederación Hidrográfica anunciaron un convenio para realizar obras na contorna da glorieta da rúa Serra de Meira para evitar o desbordamento no río Rato que se formalizou un ano máis tarde.
A popular indicou que como “pasaron 4 anos dende o anuncio do convenio, por iso, dende o Congreso preguntamos porque non se executaron as anualidades do convenio de 2021, 2022 e 2023 e se tiñan a intención de realizar esta intervención”. A resposta do goberno central é clara: “A aprobación do proxecto polo Concello de Lugo o pasado mes de de marzo habilitou o procedemento de contratación y, nese sentido, o pasado 8 de abril licitouse o proxecto”.
As obras non se iniciaron porque era necesaria a aprobación do proxecto, o que para os populares supón que “o Goberno local está máis preocupado en culpar a outras administracións que en traballar para rematar esta infraestrutura que suporá un revulsivo para a zona”.
A formación política valora a licitación do proxecto e piden celeridade para que esta obra sexa unha realidade o antes posible. O Plan Paradai é unha obra “demandada polos lucenses dende hai máis de 10 anos tras un investimento da Xunta de 10 millóns de euros”. Indican ademais que o proxecto para ese treito “foi redactado pola área de Infraestruturas da Xunta no ano 2018, pero por mor de diferentes desencontros entre a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Concello de Lugo sobre aspectos técnicos impediron que se puidese rematar a pesar de que nos orzamentos da Xunta, dende o ano 2018, dispón dunha partida de 500.000 euros para esa actuación”.