Os populares de Lugo piden delimitar áreas de rehabilitación nos barrios da Milagrosa e Feijóo
O Partido Popular de Lugo presentará no pleno deste xoves 13 iniciativas vinculadas á situación da Protectora, ás excavacións no casco histórico ou a delimitación de áreas de rehabilitación nos barrios da Milagrosa e Feijóo. Deste xeito, dende a formación piden unha intervención urxente nas actuais instalacións da Protectora implicando no seu financiamento á Deputación, Concello e Xunta.
Por outra banda, pídenlle ao Concello un plan de escavacións asumindo os estudos arqueolóxicos previos nas obras que se acometan no casco histórico, “xa que con esta medida se incentivarían as intervencións dos particulares no recinto amurallado”. Por outra banda, pretenden que se delimite a contorna de rehabilitación dos barrios da Milagrosa e Feijóo, xa que de non axilizar este trámite Lugo “podería perder os fondos europeos do plan estatal do ERRP (Entornos Rehabilitación Residencial Programados)”.
En canto á situación da brigada de augas, piden que se cumpra a sentenza que gañou o traballo, “que xa vai pola cuarta semana encadeado porque non lle pagan as horas extras realizadas” e que se reforce o servizo, que se atopa “mermado e desmantelado nos últimos anos”. Tamén piden que se dea aos traballadores municipais a categoría profesional real aos postos que ocupan neste departamento.
Os populares tamén trasladan a necesidade dun plan de urbanización e revitalización do barrio da Ponte, reclamando o arranxo do acceso ao local social, un parque infantil e beirarrúas en puntos do barrio onde non existen. O deseño dun plan de turismo con novas rutas para atraer o turismo cultural, revistar os colexios electorais e mellorar a seguridade vial dunha pista en Bosende de Abaixo completan as demandas do grupo municipal.