Os populares de Monterroso manterán unha reunión con autónomos e empresarios
O PP de Monterroso celebrará o este mércores 3 de maio a partir das nove da noite no restaurante Pacior un encontro con empresarios e autónomos ao que asistirá o vicepresidente do PP da provincia de Lugo e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde.
O candidato popular á alcaldía, Eloy Pérez, ten en conta que “o fundamental para o desenvolvemento económico da nosa vila son aqueles que conforman o sector empresarial” e, por iso, convidou a cada un dos empresarios e autónomos de forma particular a participar nesta xuntanza co ánimo de recoller as súas propostas ou necesidades e tamén ofrecer información sobre as axudas e programas de apoio que ten en marcha o Goberno galego.
O alcaldable do PP aposta polo “progreso e o desenvolvemento industrial de Monterroso” da man de “empresarios, autónomos ou traballadores por conta allea”. De feito, “están representados por varios dos membros da candidatura do Partido Popular que se completa con empregados públicos e xubilados. Todos contribuímos a facer pobo en Monterroso”, incide.
Eloy Pérez defende que “no exercicio da actividade política sempre debe guiarnos a vocación de servizo público, ademais do respecto á cidadanía”. Igualmente, asegura estar comprometido coas necesidades da vila. Así, o Partido Popular ten defendido a industria e o comercio e traballou con empeño nos últimos anos para lograr investimentos para Monterroso coma o Centro de Interpretación ‘A Vila das Feiras’ e o proxecto da nova depuradora ou impulsar un convenio coa Consellería de Medio Ambiente para a reforma e posta en valor da Área Recreativa da Peneda.