Os populares denuncian que o Castelo de Doiras continúa pechado

Os deputados provinciais do PP, Antonio Ameijide e Jesús Núñez, xunto co voceiro popular en Cervantes, Óscar Fernández, visitaron o Castelo de Doiras e constataron que continúa pechado ao público máis de medio ano despois da súa adquisición polo Concello de Cervantes.
O voceiro provincial, Antonio Ameijide, lembrou que foi a Deputación de Lugo quen entregou un millón de euros ao Concello para comprar esta fortaleza nunha operación que cualificou como “canto menos, cuestionable”.
Segundo explicou, a operación estivo envolta en polémica desde o inicio, xa que o inmoble foi adquirido a unha fundación controlada por un alto cargo socialista, que obtivo un beneficio neto de arredor de 700.000 euros coa venda. “Resulta curioso que, cando o castelo estaba en mans privadas, se puidese visitar, incluso con visitas organizadas pola Deputación, e agora que pertence ao Concello estea pechado”, criticou Ameijide.
Desde a súa inauguración, o único día no que o castelo estivo aberto ao público, non se volveu permitir o acceso e na web oficial do Concello figura como “pechado temporalmente”.
Os populares consideran un engano que, malia os anuncios institucionais que prometían que os veciños de Cervantes, da comarca e os turistas poderían gozar do monumento, na práctica non se lles permite visitalo.