Os populares reclaman de forma urxente a reparación da N-640

A estrada N-640 é unha infraestrutura fundamental para a conectividade dos municipios galegos polos que transcorre, desde Trabada ata Vilagarcía de Arousa, pasando A Pontenova, Meira, Lugo, Guntín, Monterroso, Agolada, Lalín, Silleda, A Estrada, Cuntis e Caldas de Reis, entre outros, supoñendo o seu deplorable estado actual en moitos tramos un grave prexuízo tanto para a seguridade viaria como para o desenvolvemento socioeconómico de todos os concellos.
Así o manifestaron a presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia; os deputados do PP no Congreso, Francisco Conde, Cristina Abades, Pedro Puy, Irene Garrido e Juan Bayón, ademais do alcalde de Monterroso, que comprobaron o nefasto estado da N-640 ao seu paso por este municipio e anunciaron que presentaron unha iniciativa na Comisión de Seguridade Viaria do Congreso dos Deputados, relativa á mellora da seguridade viaria nesta estrada.
A iniciativa que defenderán os populares pide priorizar e iniciar, con carácter urxente, as obras de reparación integral do firme, a mellora da sinalización horizontal e vertical, e a instalación de iluminación adecuada na N-640 en todos os tramos que presentan un estado máis deficiente, entre eles, en Meira e Trabada, A Pastoriza, Monterroso, Agolada, Lalín e Vilagarcía de Arousa.
Tamén é necesario que o Ministerio de Transportes e Movilidade Sostible asegure a planificación e o financiamento para o mantemento desta estrada, asegurando que se dispoña dun pavimento adecuado, sinalización visible e iluminación suficiente para favorecer unha circulación segura e fluída a todos os condutores.
A presidenta do PP na provincia de Lugo, Elena Candia, afirmou que “o mantemento desta estrada é unha reivindicación na que non imos parar ata que se consiga porque é vía fundamental para a vertebración do territorio”.
O deputado Francisco Conde explicou que “a falta de mantemento ten convertido a N-640 nunha das estradas que peor estado ten en Galicia, presentando carencias graves, entre elas, o deterioro do firme, nomeadamente en tramos non urbanos, con condicións moi deficientes, fochancas e deformacións que incrementan o risco de accidentes”.
Especialmente preocupantes son varios treitos nos concellos de Meira, A Pastoriza, ou Agolada, zonas onde as sinuosas curvas, a mala iluminación, o mal estado da sinalización horizontal, dificilmente perceptible en numerosos puntos, ou o deficiente estado do firme, reducen notablemente a seguridade viaria.
Francisco Conde tamén fixo fincapé “no abandono” do Goberno de Pedro Sánchez á provincia de Lugo en materia de infraestruturas que está xerando un enorme problema de seguridade viaria e conectividade”.
Pola súa banda, o deputado por Pontevedra, Juan Bayón, expuxo a situación desta estrada nesa provincia, afirmando que “dende Agolada ata Vilagarcía, o estado da N-640 é lamentable, algo que pode verse que non se trata dun problema que xurda da noite a mañá, senón que son moitos anos de abandono por parte do Goberno de Pedro Sánchez”.
Juan Bayón recordou “as numerosas promesas de arranxo e mantemento incumpridas por Pedro Sánchez” porque a realidade constatable “son as fochancas, a deficiente sinalización e a falta de alumeado que son colaboradores necesarios no aumento da inseguridade viaria e, por conseguinte, aumentaron os accidentes de circulación”.
OUTRAS INFRAESTRUTURAS
Francisco Conde tamén fixo fincapé “no abandono e maltrato” do Goberno de Pedro Sánchez á provincia de Lugo en materia de infraestruturas destacando que “Lugo é a única provincia de Galicia e do entorno que queda fóra da alta velocidade ferroviaria así como do Corredor Atlántico de Mercancías”.
O deputado do PP de Lugo recordou que “na provincia de Lugo tamén son moi necesarias as comunicacións por estrada, sendo prioritario rematar a autovía a Santiago e as autovías A-56 (Lugo-Ourense), A-74 (autovía da Mariña) e A-76 (Ponferrada-Ourense, que pasa por Monforte)”.
Juan Bayón recordou que “o PSOE segue sen cumprir os seus compromisos en materia de infraestruturas” poñendo como exemplo a variante de A Estrada “que segue sen materializarse, a pesar de ser un dos compromisos asinados por PSOE e BNG no pacto que levou a Pedro Sánchez á presidencia do Goberno en 2017 e, aínda en 2025, non se cumpriu”.