Os populares reclaman melloras nas instalacións do Museo Provincial de Lugo

O Grupo Provincial Popular de Lugo denunciou o estado de “mantemento moi mellorable” do Museo Provincial. Así o afirmou o voceiro Antonio Ameijide tras visitar as instalacións, confirmando que a institución, que debería ser un dos buques insignia da cultura na provincia, amosa un abandono evidente por parte do goberno provincial.
Ameijide explicou que calquera turista ou lucense que visite o Museo pode observar, ademais das obras expostas, goteiras en numerosos puntos, humidades en moitas paredes e arranxos impropios dunha instalación desta relevancia. Destacou que incluso o tellado da cociña, que se reparou recentemente, segue en mal estado e continúa filtrándose auga pola cuberta arranxada.
O voceiro popular esixe ao goberno provincial “un esforzo moito maior para garantir un mantemento axeitado e que o Museo provincial estea en condicións dignas, como merece un espazo clave para a cultura da nosa provincia”.
Ameijide lembrou tamén que en xuño de 2024 o Grupo Provincial Popular xa solicitara o reforzo do persoal do Museo, especialmente na quenda de tarde, para asegurar unha mellor atención aos visitantes, dado que naquel momento existía unha clara desigualdade entre a quenda de mañá e a de tarde, con moi poucos efectivos durante a tarde.