Os populares reclaman que estea pechado o castelo de Doiras
Os deputados do Grupo Provincial Popular denuncian que a Deputación de Lugo e o Concello de Cervantes aínda non fixeron nada por recuperar o castelo de Doiras e abrilo ao público a pesar de que comprometeron 1 millón de euros para poñer en valor este inmoble.
Os deputados populares, Antonio Ameijide e Jesús Núñez, acompañados do voceiro do PP en Cervantes, Óscar Fernández, e concelleiros comprobaron "como o inmoble segue pechado a cal e canto e que segue nas mesmas condicións que antes da sinatura do convenio entre a Deputación de Lugo e o Concello de Cervantes que comprometeu 1 millóns de euros de todos os lucenses".
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, recorda que no pleno de xaneiro de 2024 "presentamos unha moción para instar a PSOE e BNG a renegociar este convenio, iniciativa que o goberno provincial, liderado por José Tomé, rexeitou apoiar. Vemos como o seu único obxectivo era dar un beneficio de case 700.000 euros a unha fundación controlada por un cargo do PSOE, xa que nada fixeron por abrir este castelo ao público”.
Antonio Ameijide apunta que “non estamos en contra” de recuperar inmobles e dotacións históricas para que todos os lucenses e os turistas que nos visitan poidan coñecelas, pero neste caso queda claro que “o único que lles importaba era dar un pelotazo inmobiliario perfecto porque foron capaces de xestar esta operación inmobiliaria para beneficiar a membros dun partido político e deixar polo camiño un beneficio neto de 690.000 euros en tan só cinco semanas”.
O voceiro popular sinala que este millón de euros comprometido "puido empregarse durante o ano 2024 ao mantemento das estradas provinciais, totalmente intransitables e perigosas, ou para a apertura dos centros de atención a maiores comprometidos na provincia, poñendo como exemplo a residencia de Becerreá, rematada hai tres anos e que segue pechada, instalación á que lle tiveron que realizar tarefas de mantemento dados os danos ocasionados por tela pechada durante estes anos".
Ante esta situación, dende o Grupo Provincial Popular pedirase acceso ao expediente completo para analizar toda a documentación, prazos de execución... “e facer un seguimento exhaustivo do convenio”.
ANTECEDENTES DO CONVENIO
O Concello de Cervantes solicitaba a sinatura dun convenio o 16 de novembro e tras dous informes de taxación contraditorios: unha pericial de parte inflada asinada 6 días antes da proposta e outra solicitada pola Deputación na que recollen que non se visitou o inmoble como é preceptivo segundo a doutrina do Tribunal Supremo, que non hai demanda deste tipo de inmobles na zona e que as perspectivas de revalorización son nulas. Finalmente, o día 29 de decembro apróbase e asínase o convenio.
Os deputados populares recordan que non están en contra de poñer en valor o patrimonio desta provincia nin de recuperar elementos históricos como, neste caso, o castelo de Doiras. “Do que estamos en contra é de beneficiar a unha fundación vinculada a un cargo do PSOE. O que defendemos son criterios de eficiencia na xestión por parte do goberno da Deputación”, subliñaron.
Dende o Grupo Provincial Popular recordan que “é curioso que a finais de 2023 aparecesen 960.000 euros para esta operación inmobiliaria, cando o goberno provincial abandona edificios que son patrimonio da Deputación de Lugo como a Casona do Incio que está caendo, a Casa da Botica que foi derrubada, o complexo de Augas Mestas totalmente abandonado ou as instalacións da Escola de Piragüismo, do Museo Provincial ou do Centrad que sofren filtracións e humidades... Por non falar da conservación das estradas que son competencia desta institución que xa vemos o pouco que lles importan”.