Os populares resumen a súa valoración do bigoberno de Lugo
O Grupo Popular escolleu o xardín do CEI-Nodus como punto de encontro coa prensa para presentar o seu balanzo dos dous anos do bigoberno de Lugo.
O voceiro popular Ramón Carballo acompañado polos concelleiros do Grupo Popular iniciou a súa comparecencia preguntándose “que é o que podemos esperar dunha alcaldesa socialista e do seu socio nacionalista de goberno que autorizan un gasto de 45.000 euros para a compra das cadeiras e das sillas de luxo que colocaron neste espazo”.
Carballo recoñeceu que o último ano de goberno non foi doado pola crise económica pero esta situación “non pode utilizarse como disculpa para censurar algunhas accións protagonizadas por Lara Méndez e Rubén Arroxo".
Así pois, dende o PP defenden que "coa esquerda do PSOE e BNG, Lugo ten o goberno máis caro da historia. Gasta 3.8 M€ en dedicacións exclusivas e asesores para o PSOE e o BNG. E, por riba, en plena pandemia Méndez e Arroxo subíronse o soldo un 2% e tamén presupostaron a compra de coches de alta gama por máis de 103.000€".
"Ademais, Lugo ten dous gobernos distintos. PSOE e BNG defenden dous proxectos diferentes dos que fan autobombo a diario e por separado" engaden. Ademais, sinalan que "hai un uso abusivo dos contratos menores. Un informe do interventor municipal certificaba a existencia de fraccionamentos de contratos cun uso excesivo de contratos menores por parte, dos concelleiros socialistas e nacionalistas".
"Os lucenses quedamos hipotecados xa que pola súa neglixencia pagaremos indemnizacións millonarias a conta da fábrica da luz (2,5M€) e, tamén, teremos que asumir o custe da demolición das torres do Garañón" defendeu o voceiro popular.
Dende o PP tamén consideraron que "continúa a delirante xestión de persoal municipal. A nova RPT non solucionou os graves problemas de funcionamento interno do concello; aumentaron os postos de libre designación; os nomeamentos cuestionables como a función que asignaron de coordinador de urbanismo ao interventor; ou sentezas que os deixaban en evidencia como a que lles obriga a readmitir á xefa de persoal que fulminaron nunha caza de bruxas sen precedentes utilizando argumentos basados en valoracións subxectivas".
Engadiron tamén que se segue cos "despropósitos" dos proxectos financiados con fondos europeos e poñen coma exemplo o proxecto de Caldas de Miño "que non deixan de ser piscinas de auga do grifo quentadas cun quentador"; a pasarela da nacional VI e a obra do carril bici.
Por último, conclúen que Lugo "é a única gran cidade de Galicia que sigue sen adherirse á rede de VioGén así como a Rede de Municipios contra a Violencia de Xénero, iso por non falar do colapso en servizos sociais con cambios de xefes de servizo, a un por ano, que se traduce en retrasos en citas de dependencia e outros casos de emerxencia".