Os premios Moncho Valcarce distinguirán a Margarita Ledo Andión

LugoXa | TerraChaXa | ACoruñaXa
A escritora e xornalista de Castro de Rei recibe o premio na categoría Pola Promoción da Terra
margarita-ledo-premio-luis-porteiro-garea-usc
16 Mar 2025

Como todos os anos, despois de 22 edicións, o próximo 10 de maio se vai celebrar na cidade da Coruña a entrega dos Premios Moncho Valcarce.

Xa é unha tradición a súa celebración por estas datas. Un premio que co paso dos anos son unha cita obrigada para homenaxear a aquelas persoas, colectivos ou entidades cunha traxectoria contrastada que destacaran na defensa dos máis desfavorecidos, na defensa do idioma, da cultura e da identidade galega.

Este ano a entidade promotora – Irmandade Moncho Valcarce – vén de concederlle o Premio Moncho Valcarce na categoría Pola Promoción da Terra a Margarita Ledo Andión, escritora, xornalista, decana da facultade de Ciencias da Información onde exerce na actualidade como catedrática de comunicación audiovisual, académica numeraria da Real Academia Galega, Premio Nacional de cine e audiovisual, Premio Nacional da Cultura Galega, fundadora e directora do semanario A Nosa Terra, directora de cine e activista social e cultural.

En canto o Premio Moncho Valcarce na categoria Pola Defensa da Terra recaeu na Plataforma veciñal mina Touro-O Pino NON, entidade que leva dende o ano 2017 liderando a loita contra a reapertura da mina a ceo aberto para a extracción de cobre.

Ao igual que no seu día os veciños das Encrobas, Baldaio, Xove, Cuota Empresarial e na actualidade os organizados contra Altri ou os eólicos, a Plataforma de Touro lidera a loita para que non lles quiten as terras, a auga, o aire, os mananciais, contra os efectos prexudiciais en sectores produtivos como o agro, o gandeiro ou o marisqueiro, ou os riscos para a saúde e a degradación do medio ambiente.

Deste xeito únense a un grupo de 40 Premiados, entre os que podemos mencionar a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, asociacións anti-encoros, Preescolar na casa, Museo do Pobo Galego, Isaac Díaz Pardo, Avelino Pousa Antelo, Chao Rego, Real Academia Galega, Manuel Caamaño, Mesa pola Normalización Lingüística, Camilo Nogueira, Xosé Manuel Beiras, A Quenlla, Asociación Cultural Alexandre Bóveda ou Manuel Monge.

Os premios serán entregados nun acto programado para o vindeiro 10 de maio nun xantar a celebrar en Alvedro (A Coruña) o cal estará aberto a tódalas persoas interesadas en asistir, coa única limitación que impón o aforo existente. Así, cadaquén pode anotarse no correo irmandade@monchovalcarce.org

⚙ Configurar cookies
0.18243503570557