Os produtos artesáns permanecerán no Mercado de Nadal da praza de San Marcos ata o 5 de xaneiro

LugoXa
El Mercado de Navidad de Lugo acoge 22 puestos de artesanía en la plaza de San Marcos hasta el 5 de enero.
mercado nadal lugo
22 Dec 2021

O Mercado de Nadal que conta coa participación de 22 obradoiros de artesanía na praza de San Marcos estará aberto ata o día 5 de xaneiro. Esta é unha iniciativa do Centro de Artesanía e Deseño coa que se ofrece ás artesás e artesáns un espazo para vender os seus produtos nunhas datas en que medra a demanda.

Pezas de cerámica, xoiería, marroquinería, xoguetes ou complementos de moda forman a oferta do Mercado de Nadal que este ano, por primeira vez, incorpora tamén obradoiros alimentarios, coa presenza de nove firmas que elaboran e comercializan embutidos, viños, doces, marmeladas, mel ou conservas, entre outros. Estes obradoiros disporán dun posto no que rotarán, de forma que cada unha das firmas terá dous días para promover e vender os seus produtos.

Este tipo de feiras, mercados e citas contribúen a darlles visibilidade e aumentar as vendas de cada un dos artesáns, creando un espazo onde o principal non só é a calidade, materias primas, ou dedicación, senón tamén a comunicación entre persoas, o dinamismo dos espazos humanizados e o trato individualizado que prestan.

O responsábel de Artesanía e Deseño lembrou “que, un ano máis, e atendendo á situación económica que atravesa o sector, polo impacto da crise sanitaria, a instalación nas casetas é gratuíta para os artesáns e artesás”.

Tamén puxo en valor a decoración e ambientación do recinto, deseñada polo tamén artesá Lines Astorgano, que contribúe a xerar unha atmosfera que convida a achegarse aos postos e valorar os produtos á venda.

O Mercado de Nadal ata o 5 de xaneiro na Praza de San Marcos en horario de 11 a 14 horas pola mañá, e de 17 a 21 horas de tarde, rematando ás 19 horas os días de Noiteboa e Fin de Ano e pechando os festivos.

OBRADOIROS PARTICIPANTES
Os obradoiros participantes son María Sánchez Castedo que é ceramista, deseñadora e ilustradora da marca Ceniza de Papel; Mercedes Buján Paredes con Bolboretas de Coiro; Alfonso Otero Regal do taller co mismo nome Otero Regal; Antonio Fermández Vicente do taller Enxógate; Ramiro Rodríguez Domingo do taller Patapúm; Inmaculada Díaz Cabado responsable do taller La Bellota Mágica, Ester Díaz baixo a marca Fontemeimil; Lucecús é o proxecto das irmás Belén e Rocío Barral; Alejandra e Rebeca da tenda taller que se encontra na rúa Nova de Lugo Mi madre no me deja; Mónica García de Mis Marinillas; José Ramón Lleo do Taller Rappa; Adriana Romaní e Javier de Castro son os dous artesáns que compoñen o taller de marroquinería Senda; Ana Novo do taller Tres Caracoles; Concepción Arza é a xerente de Delicias do Souto; Dora e Luz son as mulleres que están baixo a marca Ribeiregas; Rosa María Sanromán é a titular e responsable de produción da Adega sidrón; Manuel Sande é o responsable da marca homónima dedicada á comercialización de mel; Milagros López da marca Do souto; Mª Carmen Sánchez é a responsable de Embutidos Suarna; Verónica Núñez e Daniel Arza son os compoñentes de Caurelor; Lourdes Pombo dedicase a súa paixón, a repostería con Torta de Sarria.

SELECCIÓN A TRAVÉS DUNHA CONVOCATORIA ABERTA
O Mercado de Nadal está aberto a participación de artesáns e artesás que conten coa carta de artesán e estean inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía. O Centro de Artesanía e Deseño abre cada ano unha convocatoria para que as firmas interesadas presenten a súa candidatura.
A selección das participantes faise atendendo aos criterios fixados nas bases da convocatoria, vinculados á calidade dos produtos e á traxectoria da firma.

0.16572093963623