Os Reis Magos chegan a Lugo cunha mensaxe de ilusión e respecto polo mundo

LugoXa
A temática da cabalgata inspirouse nos grandes viaxeiros da historia e da literatura, como Phileas Fogg e as súas aventuras narradas en 'A volta ao mundo en 80 días'
Reis-Magos-2024-en-Lugo
6 Jan 2025

A cidade de Lugo viviu unha tarde máxica coa chegada dos Reis Magos de Oriente, protagonistas do espectáculo 'Nómadas', organizado pola área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua.

Neste evento, máis de 80 artistas participaron en 14 espectáculos que engalanaron unha cabalgata chea de cor, música e alegría.

A cabalgata deu comezo ás 18.00 horas no parque da Milagrosa, continuando polas rúas Monte Faro e avenida da Coruña, para finalmente chegar á praza Maior ás 19.15 horas.

Durante o percorrido, os asistentes gozaron de espectáculos de Tambukda e Cántigas e Frores, mentres se repartían máis de 4.000 quilos de caramelos.

Na súa chegada ao Concello, os Reis Magos foron recibidos pola alcaldesa de Lugo e polo Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, aos que agasallaron cunhas cuncas decoradas con motivos de Rosalía de Castro e Castelao.

Unha mensaxe do Rei Melchor para todas as xeracións

Antes de recibir ás nenas e nenos de Lugo, o Rei Melchor dirixiuse ás persoas congregadas na praza Maior cun discurso en sintonía coa temática "Nómadas" da cabalgata. Durante a súa intervención, Melchor destacou a importancia das viaxes, tanto reais como imaxinarias, como fontes de aprendizaxe e descubrimento.

Entre as súas palabras, fixo un chamamento a ler e a explorar novos mundos a través dos libros: "Lembrade que ler un libro é como facer unha viaxe na que poden suceder cousas extraordinarias".

Ademais, o Rei Melchor tamén invitou a reflexionar sobre o respecto polo medio ambiente e a diversidade nos lugares que se visitan: "Respectar as plantas e os animaliños, observalos sen molestar, non facer nada que poida causarlles dano. Non hai nada máis fermoso que un lugar habitado por seres vivos diversos!".

Unha cabalgata que convida a soñar

A temática da cabalgata inspirouse nos grandes viaxeiros da historia e da literatura, como Phileas Fogg e as súas aventuras narradas en A volta ao mundo en 80 días. A comitiva incluíu submarinos, zeppelíns e representacións de grandes animais, ofrecendo un espectáculo visual único.

Os Reis Magos, encantados coa calorosa recepción das rúas de Lugo, pecharon a súa intervención lembrando que, malia o intenso traballo da noite, a maxia fai que todo sexa posible.

0.16532683372498