Os representantes populares de Lugo no Congreso preguntaron ao Goberno central polo suceso na A-6

LugoXa
Os tres deputados do grupo parlamentario popular que representan a Lugo no Congreso dos Deputados, Jaime de Olano, Francisco Conde e María Cristina Abades; presentaron varias preguntas ao Goberno Central con respecto á A-6.
deputados populares congreso lugo
20 Out 2023

Os tres deputados do grupo parlamentario popular que representan a Lugo no Congreso dos Deputados, Jaime de Olano, Francisco Conde e María Cristina Abades; presentaron varias preguntas ao Goberno Central con respecto á A-6.

Así, ao amparo do disposto no artigo 185 e do Regulamento da Cámara, presentaron diversas preguntas cuxa resposta queren por escrito sobre o desprendemento de terra que se levou por diante un vehículo que circulaba pola A-6 á altura do km 450 no municipio de Becerreá.

Así, preguntaron polas causas do desprendemento, se xa está restablecida a circulación en ámbolos dous sentidos da circulación na A-6, que medidas de protección se van implantar para evitar novos desprendementos e se van revisar as ribadas para prever posibles desprendementos.

Desprendemento polas fortes choivas

Pola súa parte, a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, asegurou este venres que dende o primeiro momento están a traballar na reapertura ao tráfico desta vía que é "fundamental para Lugo e Galicia". Segundo Rodríguez, os técnicos están a investigar as causas do desprendemento, aínda que todo parece indicar que as “fortes choivas destes días provocaron o accidente".

Dende a tarde do xoves habilitouse un desvío pola N-VI mentres se segue a traballar “nun novo desvío ao tráfico xa pola A-6 dirección Madrid para causar as menos molestias posibles”. A subdelegada do Goberno tamén quixo lamentar as declaracións “pouco responsables” da conselleira de Infraestruturas e invitouna a “preocuparse polas estradas que son da súa competencia como a VAC Costa Norte na que por desgraza non se poden facer labores de conservación porque aínda non está nin feita”.

0.19912600517273