Los Satélites actuarán na Festa de Santa Eulalia de Santalla de Lamas

LugoXa
A festa, organizada pola Asociación Veciñal Seis Muíños da parroquia lucense, desenvolverase este sábado, 8 de febreiro
festa-Santa-Eulalia-Santalla-de-Lamas-Lugo-2024
4 Feb 2025

A parroquia lucense de Santalla de Lamas prepárase para celebrar a súa tradicional festa do inverno na honra a Santa Eulalia. O evento, organizado pola Asociación Veciñal Seis Muíños, terá lugar o próximo 8 de febreiro e promete ser unha xornada de encontro e celebración para toda a comunidade e visitantes.

As actividades darán comezo ás 13.00 horas cunha misa solemne en honra á patroa, seguida dunha sesión vermú amenizada por un acordeonista e un gaiteiro. A comida campestre, que xa conta con 103 persoas anotadas, será ás 15.00 horas no Campo da Festa.

Como gran atractivo do día, ás 19.00 horas subirase ao escenario a orquestra Los Satélites, que actuará ata as 22.00 horas. Ademais, haberá unha carpa para garantir a comodidade dos asistentes.

A organización desta festa supuxo un grande esforzo para a Asociación Veciñal Seis Muíños, tal e como destaca Ana, unha das responsables: "Somos un pobo moi pequeno e supuxo moito esforzo traer aos Satélites, non pedimos nada aos veciños, só o prezo da comida. Durante a sesión vermú virá un acordeonista e un gaiteiro, e logo será o momento de Los Satélites".

A recuperación desta festa de inverno ten un significado especial para os veciños de Santalla de Lamas, xa que, segundo explica Ana, "para nós era a nosa ilusión, traer Os Satélites a este pobo. Levamos traballando por recadar diñeiro con diferentes iniciativas para poder traelos no inverno. A festa grande facémola no San Roque en agosto e esta de inverno recuperouse hai anos, porque levaba 80 anos sen facerse. Esperamos que veña moita xente, máis de 200 persoas de todo Lugo a ver Los Satélites e desfrutar desta festa".

A festa conta co apoio da Xunta de Galicia e da empresa de espectáculos Lvcvs Espectacvlvs, que se encarga da organización musical. Con todo listo para o gran día, Santalla de Lamas prepárase para vivir unha xornada inesquecible de música, tradición e comunidade.

0.17537903785706