Os senadores do PP de Lugo levan ao Senado o incumprimento do Goberno coa rehabilitación de Vilar de Donas

LugoXa
Reclaman a execución dos 1.500.000 euros comprometidos no Plan Nacional de Turismo Xacobeo ante a proximidade do Ano Santo 2027
Senadores-PPLugo-Vilar-de-Donas
15 Jan 2026

Os senadores do PP pola provincia de Lugo José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano rexistraron unha moción na Comisión de Industria e Turismo do Senado coa que instan ao Goberno de España a cumprir coa asignación económica comprometida para a rehabilitación do mosteiro de Vilar de Donas, no concello de Palas de Rei. A iniciativa, presentada a petición do alcalde de Palas, Pablo Taboada, fai referencia ao Plan Nacional de Turismo Xacobeo 2021-2022, no que se reservaba unha partida de 1.500.000 euros para esta actuación.

Os senadores populares explican que esta iniciativa parlamentaria chega despois de que o Goberno de Pedro Sánchez non aclarase os motivos polos que non se executou unha obra que estaba expresamente incluída no plan estatal, a pesar de existir un proxecto definido e un compromiso económico concreto.

Na resposta ofrecida polo Executivo á pregunta formulada polos representantes do PP, o Goberno limitouse a aludir á normativa xeral e a distintos programas vinculados ao Xacobeo, sen explicar por que o proxecto de rehabilitación do mosteiro de Vilar de Donas quedou fóra da execución nin que aconteceu cos fondos previstos para esta intervención.

Desde o PP de Lugo consideran que se trata dun incumprimento claro e cualifican de inaceptable que se pretenda pechar este asunto con respostas xenéricas. Ademais, os populares lembran que esta actuación resulta especialmente necesaria de cara ao Ano Santo Xacobeo 2027, polo que reclaman ao Ministerio de Industria e Turismo que cumpra co compromiso adquirido, desbloquee os fondos comprometidos e permita executar unha obra que consideran estratéxica tanto para a conservación do patrimonio como para o desenvolvemento turístico da comarca.

⚙ Configurar cookies
0.078960180282593