Os senadores do PP lucense esperan que abra o viaduto do Castro na A-6 previsto a finais deste ano

LugoXa
Na actualidade, dos 5 carrís da autovía nesa zona, só se pode circular por un en sentido Madrid
Senadores-PP-Pedrafita-A6
14 Nov 2024

Os senadores do PP lucense, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, agardan que “o prazo para a apertura do viaduto do Castro na A-6 previsto polo Goberno de Pedro Sánchez para finais deste ano 2024 sexa o definitivo, especialmente “despois de dar previamente outros tres prazos e incumprilos todos”.

A autovía A-6 leva preto de 4 anos en obras no tramo entre Pedrafita do Cebreiro e Vega de Valcarce: un ano para acometer obras de emerxencia no viaduto do Castro nas que se investiron 26 millóns de euros e máis de dous anos e medio desde que colapsou a ponte cando se ía reabrir á circulación. Na actualidade, dos 5 carrís da autovía nesa zona, só se pode circular por un en sentido Madrid.

Os senadores insisten en pedir explicacións ao Executivo tras recibir a resposta ás preguntas formuladas de forma oficial polos representantes do PP lucense no Senado nas que “o Goberno de Sánchez evitou contestar sobre a dispoñibilidade do informe e as conclusións de por que colapsou a ponte despois de facer unha obra de emerxencia e gastar 26 millóns de euros, cando a ponte nova costa agora 40 millóns de euros”.

O Goberno Central, din, non aclarou as razóns que o levaron a incumprir, un tras outro, os prazos que ofrecera o Ministerio sobre a reapertura completa á circulación do viaduto do Castro. Tampouco contestou ás preguntas dos senadores lucenses sobre a súa previsión para “dar algunha compensación aos usuarios da A-6, en especial aos condutores profesionais e transportistas, pola demora na recuperación desta infraestrutura”.

O senador lucense José Manuel Balseiro tamén afea que “o Goberno nos enganou cando dixo que ía reconstruír as dúas pontes de forma simultánea, que é o que se fai en calquera grande infraestrutura co dobre obxectivo de aforrar custes e prazos, porque non o fixo”, conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.16509819030762