Os senadores do PP pídenlle a Óscar Puente que detalle as actuacións para que Lugo teña alta velocidade

LugoXa
Rexistraron unha interpelación ao señor ministro de Transportes para que aclare “que actuacións se van levar a cabo para evitar que as cidades de Lugo e Ferrol queden sen servizo de alta velocidade"
Senadores-PP-Pedrafita-A6
17 Nov 2024

Os senadores do Partido Popular pola provincia de Lugo, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, veñen de presentar unha serie de iniciativas en relación “á situación que está sufrindo a nosa cidade e a nosa provincia en materia de comunicacións por ferrocarril” e “a falta de respostas que o señor ministro ofreceu fai poucos días no Senado”.

Por unha banda, rexistraron unha interpelación ao señor ministro, Óscar Puente, para que aclare “que actuacións se van levar a cabo para evitar que as cidades de Lugo e Ferrol queden sen servizo de alta velocidade en igualdade de condicións que outras cidades do noso país”.

Con esta iniciativa trasladan ao Senado a reivindicación que facían pública fai uns días na cidade de Ferrol os presidentes provinciais do PP de Lugo e da Coruña, xunto ao alcalde da cidade e ao portavoz do Grupo Popular no Congreso. Esta fórmula permitirá, posteriormente, debater unha moción “polo que teremos a oportunidade de saber se contaremos co apoio dos representantes do PSOE lucense e galego nas Cortes Xerais”.

Pero tamén esixen os senadores do Partido Popular, a través de preguntas dirixidas ao Goberno de Sánchez, “aclarar cales son os prazos que manexa, así coma a planificación orzamentaria para levar a cabo as variantes” de Os Peares, Canabal e Rubián, que estaban proxectadas polo Goberno do Partido Popular como elementos imprescindibles para reducir o tempo de conexión entre as cidades de Lugo e Ourense.

“De non explicar estes detalles, o que dixo o Ministro de que non abandonaban a construción das variantes será un brinde sol” e, peor aínda, “unha tomadura de pelo máis para tódolos lucenses”.

Ante o anuncio do señor Puente fai unhas semanas sobre a comunicación con Ourense a través de lanzadeiras a 200 km/h, Barreiro incide en que “debe aclarar tamén en que data” e, ademais, advirte que “esa valoración non coincide co informe do Clúster da Función Loxística de Galicia” que, de acordo ao proxecto das obras que se están a acometer actualmente na vía, conclúe que a actual velocidade máxima de 160 km/h non se verá modificada e a media se situará en torno aos 75 km/h. É máis, determina que “con estas actuacións a redución do tempo de viaxe entre Lugo e Ourense será escasa”. “A tenor das respostas que deu o señor Ministro, Lugo queda sen alta velocidade”, conclúe.

0.16018605232239