Os senadores do PP presentan o Plan Integral dos Autónomos en Lugo e reclaman apoio ao colectivo

LugoXa
Barreiro, Balseiro e Serrano destacan medidas para reducir impostos e facilitar a actividade dos traballadores por conta propia na provincia
Reunión-senadores-PP-CEL-Lugo
12 Dec 2025

Os senadores do PP por Lugo, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, presentaron as medidas do Plan Integral dos Autónomos do partido aos representantes da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) nun encontro celebrado na cidade. Durante a xuntanza, reivindicaron “menos impostos e máis apoio para quen traballa” e anunciarion unha iniciativa no Senado para instar ao Goberno de Sánchez a adoptar medidas que coiden e fomenten a actividade dos autónomos lucenses, co obxectivo de frear a perda deste colectivo na provincia.

O encontro contou coa presenza do secretario xeral da CEL, Jaime López, do conselleiro delegado, Eduardo Valín, do secretario xeral de ATA Galicia, Álvaro Viqueira, e de membros do colectivo que representan distintos sectores económicos, como a construción, hostalería, taxistas, talleres, instaladores eléctricos e de telecomunicacións, autoescolas, academias e consultorías.

Os populares recolleron tamén as demandas e necesidades dos autónomos a partir do documento de prioridades elaborado pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) a través das súas organizacións membro. Durante a reunión, os senadores explicaron os piares do Plan Integral dos Autónomos: reducir impostos e burocracia, ofrecer máis facilidades para emprender e medrar, aumentar a protección e apoio, e reforzar os dereitos e a confianza do Estado nos traballadores por conta propia.

Entre as medidas anunciadas polo presidente Feijóo e recollidas no plan, destacan a exención do IVE para autónomos con ingresos inferiores a 85.000 euros anuais, unha ‘Tarifa 0’ para novos emprendedores durante dous anos, a redución das declaracións anuais a unha ou dúas, a exención de cotizacións polo primeiro empregado contratado e unha bonificación do 50% polo segundo, a non imposición de cotizacións en casos de baixa por enfermidade grave, facilidades para compatibilizar o traballo autónomo coa pensión de xubilación ou con emprego por conta allea, exención de cotizacións durante dous anos tras a maternidade ou paternidade, equiparación de dereitos por lactancia e clarificación das deducións de gastos.

Os senadores lembraron que 1 de cada 4 traballadores en Lugo é autónomo, un colectivo “clave” para a creación de emprego e o crecemento económico, pero que actualmente se enfronta a problemas como o encarecemento dos subministros, a burocracia crecente, as dificultades de relevo xeracional e o aumento das cotizacións e impostos. O PP advertiu que “o Goberno de Sánchez leva 7 anos castigando ao tecido produtivo” e insistiu en que o Executivo debe tomar medidas urxentes para apoiar a quen traballa e evitar a perda de autónomos na provincia.

⚙ Configurar cookies
0.097455978393555