Os sindicatos protestan no pleno do Concello de Lugo pola “política nefasta da xestión do persoal”
Representantes dos sindicatos dos traballadores do Concello de Lugo concéntranse na Casa Consistorial ao comezo do pleno para negociar as súas demandas. Denuncian a “política nefasta da xestión do persoal” e demandan o pago das horas extraordinarias e outros complementos que, segundo aseguran, lles deben dende o 2022 e 2023.
Baixo unha gran pancarta co lema “Negociación xa!” e numerosa cartelería, a xunta de persoal e o comité de empresa accederon ao salón de plenos no que a alcaldesa lles deu a benvida “á casa de todos” e lles pediu silencio. Pola súa parte, a concelleira popular Mar Carballas reclama que negocien e solucionen os problemas que veñen sufrindo dende hai anos, sinalando os atrasos nos pagos, a carreira profesional ou a actualización RPT.
No mes de abril, a xunta de persoal e o comité de empresa presentaron as súas queixas, asegurando que o Concello lles debía máis dun millón de euros por horas extra, axudas ou produtividades. Por outra banda, tamén pedían abordar con urxencia a carreira profesional coma un dereito e reclamaban que a Relación de Postos de Traballo non se modificou dende que se aprobou hai xa catro anos.