Os socialistas cualifican os orzamentos da xunta de repetitivos e que só afectan ao 36% dos concellos

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Lamentaron que as partidas para obras como a Ronda Leste, a Intermodal, a VAC Costa Norte ou o acceso ao Porto Seco se repitan ano tras ano sen chegar a executarse
valoracion-orzamentos-provincia-de-lugo
22 Out 2024

Os socialistas da provincia de Lugo denuncian que os Orzamentos da Xunta para este 2025 son “repetitivos e só atenden ao 36% dos concellos da provincia”. Un dato alarmante que deron a coñecer este martes a Secretaria de Organización do PSdeG na provincia de Lugo, Pilar García Porto, e a Deputada no Parlamento de Galicia por Lugo, Lara Méndez.

“Uns Orzamentos que son repetitivos, porque evidentemente non se executan dun ano para outro e, polo tanto, o que lles queda é repetilos nas partidas orzamentarias, resultando profundamente decepcionantes e, sobre todo, afastados das necesidades reais que ten esta provincia”, afirmou García Porto. Ademais, incidiron en que os orzamentos, nominativamente, “só atenden ao 36% dos concellos, é dicir, hai un 64% dos concellos que non se ven reflectidos nos orzamentos da Xunta de Galicia. Concellos importantes, concellos cabeceiras de comarca, ou concellos con necesidades que levan demandando durante moitos anos”, denunciou Méndez, ao tempo que recalcou que nesa porcentaxe se ve “claramente o tinte partidista destes orzamentos, porque se fai un uso partidista no instrumento máis importante que ten unha administración, que son os seus orzamentos”.

Lara Méndez fixo fincapé en que moitos dos investimentos recollidos son para actuacións de mantemento, mellora ou actuacións de emerxencia. “Non se poden incluír partidas de emerxencia, cando terían que ser partidas excepcionais para este tipo de obras. É o caso, por exemplo, da estrada do Caurel, a LU-651, para a que dispoñen unha partida de 3 millóns de euros, pero que non se vai executar este ano, “atrásase un ano máis, porque en teoría ían estar rematadas este ano, é lamentable que sigan atrasando un proxecto que debería ser prioritario”. O mesmo acontece cos reforzos dos diques de Burela e Viveiro, “que son obras de mantemento, non proxectos novos”.

“11M€ en infraestruturas que sabemos que non van executar”

As socialistas detallaron que “unha vez máis vemos partidas repetidas para débedas históricas coa provincia”. “É o que acontece coa intermodal, esta gran obra que recuperamos os socialistas, que sacamos do caixón onde a metera o Goberno de Rajoy. Agora vemos partidas que non nos cremos para ela”, subliñaron. “O mesmo acontece coa Ronda Leste, que xa incluían en anos anteriores e este ano volve aparecer co 5M€. Ou co Plan Paradai, 500.000€, que xa é histórico tamén, porque se repite ano tras ano; o mesmo para a VAC Costa Norte, preto de 5M€; ou o acceso ao Porto Seco de Monforte, 500.000€, os mismiños que en anos anteriores”.

“Só con estes catro exemplos sumamos 11M€ que sabemos que non se van executar, porque é materialmente imposible polos tempos, porque non teñen trazado nin proxectos”, denunciou Méndez. “O PP mente, dicindo que vai investir esta cantidade cando non é certo. Máis do 50% das infraestruturas que prometían o ano pasado volven vir este ano. O que vén a dicir que non fixeron absolutamente nada”, lamentou a socialista.

En relación a obras de saneamento, Lara Méndez explicou que en Ribadeo levábase anos reivindicando, e agora, “despois de moito tempo, agora que hai un alcalde do PP en Ribadeo, destínase unha partida de 278.000€. É chamativo”. Pola contra, explicou, en Lugo repítese a mesma partida para o saneamento de Esperante de 50.000€ que xa se incluíu no ano 2024, “a mesma, porque nada executou a Xunta nesta parroquia lucense”.

Pola súa banda, as socialistas tamén botaron en falta unha partida para o Museo da Romanización. “Nin un só euro para o Museo da Romanización, que a pesar de ser un BIC, de ter un compromiso de facelo, nada se espera”, afirmou Lara Méndez.

“Unha sanidade e unha educación deficitaria”

En canto aos servizos sociais, as partidas do presuposto que a Xunta anuncia para sanidade, non servirá para solucionar os problemas que sofre este servizo público, onde faltan facultativos Estamos vivindo unha situación crítica da sanidade pública galega, realmente insostible. “Temos listas de espera na Atención Primaria, faltan médicos, faltan pediatras na inmensa maioría dos concellos desta provincia”, indicou a parlamentario.
En relación á educación, Méndez afeoulle ao Conselleiro as súas palabras triunfalistas no inicio de curso, porque “seguimos con agrupamentos en colexios como A Pobra do Brollón ou Ribas de Sil, e falta persoal de apoio nunha gran parte de centros da cidade de Lugo e de moitos concellos”.

“Na dependencia segue habendo longas listas de espera, veciños que están morrendo antes de ser atendidos”, denunciaron, ao tempo que puxeron o foco en que “os Concellos están asumindo partidas no SAF que non son asumibles”. Nese sentido, puxeron o caso do Concello de Xermade, que dedica o 30% ao SAF, “polo tanto, é evidente que se dá ese servizo non pode atender a outras cuestións que tamén son prioritarias para un concello pequeno coma este”, exemplificou Lara Méndez, tras detallar que os Concellos se ven asfixiados ao asumiren a diario competencias impropias pola falta de compromiso da Xunta de Galicia.

O PSdeG bótalle en cara ao PP que “vaia agora facer un investimento en vivenda pública non por convicción, porque levan 15 anos sen facer investimentos neste sentido, porque en Lugo non fixeron a primeira vivenda nestes 15 anos”. Méndez detallou que o van facer agora porque os fondos veñen do Goberno Central, de fondos europeos, e os teñen que gastar nesta cuestión, por iso os dedican a vivenda pública. Non o fan por convicción”, incidiron as socialistas. “Esixímoslle ao Goberno que execute os orzamentos, execute a totalidade das partidas dedicadas a este fin porque a demanda de vivenda é elevadísima. Só na cidade Lugo son máis de 1.700 solicitantes e os alugueiros non paran de subir, é unha urxencia”, indicou Lara Méndez.

“Non executan 1 de cada 2€”

As socialistas instaron ao Goberno galego a que executen os Orzamentos, porque “os datos evidencian unha enorme falta de xestión e a baixísima execución dos fondos europeos e do fondo de solidariedade”. Segundo o informe do Consello de Contas, en 2022 a Xunta non foi capaz de executar nin o 50% destes fondos, “o que é alarmante e profundamente preocupante para o futuro de Galicia e, en particular, da nosa provincia de Lugo. Non executan 1 de cada 2€”.

Relataron que a Xunta tiña á súa disposición 1.183 millóns de euros de crédito definitivo para executar, fondos que supoñían unha oportunidade histórica para dinamizar a nosa economía, mellorar infraestruturas, impulsar a innovación e fortalecer os servizos públicos. Só executaron o 47,3%, o que significa que máis da metade dos recursos quedaron sen utilizar, unha ineficiencia que non podemos permitirnos. Pero aínda máis grave, se temos en conta os pagos realmente efectuados, a execución baixa ata un 33,2%, deixando unha parte significativa dos fondos sen abonar

0.18984293937683