Os socialistas de Antas de Ulla demanda ó Concello información sobre a previsión para o abastecemento de auga
O PSdeG de Antas de Ulla avanzou hoxe que rexistrou catro iniciativas, que serán debatidas no vindeiro pleno ordinario que se celebrará este xoves, co fin de solventar os problemas que afectan á veciñanza, como por exemplo o abastecemento de auga ou os problemas no servizo de recollida de lixo.
A Voceira Socialista, Pilar García Porto, interpelará ao Alcalde para coñecer “que actuacións e melloras levou a cabo o Concello de Antas de Ulla para garantir o abastecemento de auga aos usuarios deste servizo municipal no presente, e cales son as previstas de cara ao futuro para que este servizo resulte suficiente nos vindeiros anos”.
Lembran ademais que xa presentaron no que vai de mandato “ata tres iniciativas dirixidas a mellorar a prestación do servizo de augas municipal coa finalidade de que o Concello priorice os investimentos na mellora e dotación deste servizo básico para toda a veciñanza, ante a actual situación de seca derivada do cambio climático e a acuciante necesidade de contar cun servizo que abasteza á totalidade da poboación”.
“Ante a desidia dos últimos tempos por parte da Alcaldía e a súa falta de implicación para impulsar as accións culturais e as festas patronais na nosa vila ", os socialistas queren saber como ten deseñado o Goberno municipal a implicación e o impulso das accións tradicionais e culturais que manan directamente da sociedade a través as diferentes asociación e colectivos.
Sinalan ademais que, ata en cinco ocasións, "presentamos propostas no Pleno, como por exemplo, a creación dun órgano participativo de carácter consultivo para implicar ao Concello activamente cos diferentes colectivos, facilitar a súa labor, e mellorar a oferta da nosa vila. Lamentablemente, sempre nos topamos co non do PP”, advirten.
Por último, a través de dous rogos, os socialistas de Antas de Ulla demandan, por un lado, “que se revise o contrato de recollida selectiva de cartón e que se garanta a retirada do mesmo, xa que durante estes meses os contenedores están completamente cheos", e, por outra banda, que se convoque a comisión de contas e se aprobe a Conta Xeral do ano 2021 para cumprir as obrigas establecidas, aínda que actualmente xa van fora do prazo legalmente establecido.