Os socialistas de Antas de Ulla denuncian que só hai un médico e un ATS
Os socialistas de Antas de Ulla denunciaron a situación de abandono que sofre a veciñanza con respecto a atención sanitaria no centro de saúde da vila. Concretamente critican que neste verán “só hai un medico e un ATS para atender a toda a poboación, ademais temos que remarcar que nesta época do ano a poboación medra exponencialmente coa visita de turistas, así como de veciños que teñen que en Antas de Ulla a súa segunda residencia”, advirten.
Dende a Agrupación Socialista lembran ademais que o centro de saúde contaba con 3 prazas medicas, pero unha delas non se reemprazou, polo tanto durante o ano atenden dous médicos, e agora no verán na época que máis xente nos visita só hai un medico no Concello. Sinalan que os facultativos atenden a unha media de ata 70 pacientes aos día.
Ademais aluden ao anuncio do compromiso do Goberno de Feijóo coa construción dun novo centro de saúde na vila. “Dende o PSOE apoiamos a mellora das nosas dotacións e por suposto da nosa atención primaria, pero advertirmos que estas novas infraestruturas teñen que vir acompañadas de persoal e de novos efectivos para atendelas, porqué senón se dota de persoal será un caixón baleiro”, sinalan.
Por último emprazan ao Alcalde e ao Goberno do PP de Antas de Ulla a defender a sanidade pública e a nosa atención primaria, que foi vital ao longo desta pandemia. ”Merecemos unha sanidade pública con tódalas garantías, por iso dende aquí demandamos ao Concello a que defenda a atención aos nosos doentes e que demande ante a Conselleira de Sanidade máis persoal para o centro de saúde de Antas de Ulla”.