Os socialistas de Antas de Ulla instan ao alcalde a aportar soluccións para paliar a seca na vila
O PSdeG de Antas de Ulla insta ao alcalde e a todo o seu goberno, “a poñer solucións enriba da mesa para paliar o problema da seca que sofre a veciñanza da vila”, durante esta época do ano na que ademais aumenta a poboación. E lembran que defenderon varias iniciativas no Pleno do Concello para solventar os problemas de abastecemento. “Pero unha vez mais atopámonos coa intransixencia do PP e coa súa inoperancia.
A voceira socialista, Pilar García Porto incidiu en “os problemas de Antas de Ulla precisa de solucións, e non de escusas. E diante deste panorama, que se repite ano tras ano como xa denunciamos reiteradamente, fai que a veciñanza se pregunte para qué serve un Alcalde que cobra a fin de mes, cando é incapaz de xestionar, e ademais, incompetente para resolver os problemas da vila”, insistiu.
Dende o PSdeG de Antas de Ulla remarcan que denunciaron en varias ocasións no pleno, “a necesidade de tomar medidas co fin de mellorar a traída de auga, xa que é un servizo de primeira necesidade”. Concretamente, “reclamamos a mellora do servizo de auga municipal facendo especial fincapé na necesidade de conservar e ampliar as captacións e mellorar as canalizacións para evitar as perdas de auga. Ademais de insistir na necesidade de cambiar as tuberías de fibrocemento existentes que rompen con frecuencia e son prexudiciais para a saúde”. “Todas e cada unha destas propostas foron rexeitadas polo PP, e hoxe comprobamos que se equivocaron, e agora os veciños apandan co problema pola incompetencia do Alcalde e do seu Goberno”, criticou.
García Porto avanza que na vindeira sesión plenaria, que se celebrará no mes de setembro, “presentaremos unha nova iniciativa ao Alcalde para que abandone a súa actitude victimista, pase á acción e a exerza con responsabilidade, co fin de garantir a prestación deste servizo básico para a veciñanza”. “Queremos que se tomen medidas inmediatas, e pedirémoslle que se dirixa a entidade Augas de Galicia, dependente da Xunta de Galicia, para que tramite con carácter urxente autorizacións de abastecemento temporal para as explotación gandeiras e os fogares que queden sen abastecemento”, tal e como xa fixo a Confederación.
A voceira socialista advirte ademais que no 2012 anunciouse unha axuda de 600.000 euros destinada á ampliación da rede de abastecemento de Antas de Ulla”, incluído no chamado Plan Galicia, “pero nunca se materializou porque a Xunta de Galicia non consolidou a súa aportación. Este é o peso político e a solvencia coa que conta o goberno de Antas de Ulla, cero aportación, cero investimento”, dixo. “E dende o 2012 ata hoxe o Goberno de Antas de Ulla segue nunha absoluta improvisación e sen reforzar as captacións de auga da vila. Esta situación conleva ao estado que padecemos actualmente, co trasporte de auga en camións cisterna durante longos períodos de tempo”.
O Goberno do PP de Antas de Ulla aprobou unha ordenanza municipal coa que se cobrou aos veciños ata con catro anos de retraso, abandonouse durante anos a lectura periódica dos contadores, realizáronse novas dotacións de canalizacións sen reparar as antigas, nin ter en conta a suficiencia dos manantiais que teñen que subministrar o abastecemento dende as captacións. “Esta é a súa xestión aprobar impostos, pero sen dar servicios. Pasa o recibo pero a veciñanza non ten auga”, denuncian os socialistas. Hai que sinalar tamén que os impostos que recada o concello relacionado co cobro do subministro de auga e rede de saneamento, ten que repercutir no propio servizo. “Por iso solicitaremos que nos amosen as facturas sobre ás melloras e dotacións do servizo de auga e saneamento municipal, así como aos gastos derivados do transporte de auga”.
Por último, sobre a petición por parte do Alcalde reclamando solucións á Deputación de Lugo sobre este servizo municipal en Antas de Ulla, sinalan que a institución provincial “non é responsable deste servizo nos Concellos”. García Porto explícalle ademais ao rexedor que dende que se aprobou o Plan Único da Deputación, a veciñanza de Antas de Ulla recibiu arredor de 1.800.000 euros. “Cada vez que temos un problema o Alcalde adicase a poñer deberes a outras administracións, pero nunca ao goberno municipal. Igual ten que deixar paso aos que si saben resolver os problemas do Concello”, dixo a voceira socialista.