Os socialistas de Baleira denuncian a falta de médico no centro de saúde

LugoXa
O grupo municipal do PSdeG en Baleira denunciou que o centro de saúde da localidade se atopa sen médico desde o pasado martes
centro-saude-baleira
5 sep 2024

O grupo municipal do PSdeG en Baleira denunciou que o centro de saúde da localidade se atopa sen médico desde o pasado martes, o que está a causar serios problemas á poboación. Segundo o voceiro do PSdeG no Concello, José Tellado, “a situación é moi grave” e representa un “risco para a saúde dos veciños e veciñas” debido á falta de atención médica.

Tellado alertou que as citas médicas están a ser programadas para dentro dunha semana, o que resulta inaceptable especialmente nun concello onde unha parte significativa da poboación é maior. Ademais, os veciños están a experimentar dificultades para comunicarse co centro de saúde, xa que as chamadas son frecuentemente ignoradas, o que incrementa a sensación de abandono e desamparo entre os residentes.

Os socialistas exixen unha solución inmediata e solicitan á Xunta que tome medidas urxentes para restablecer o servizo médico na localidade. A falta de atención está obrigando a moitos pacientes a desprazarse ao Punto de Atención Continuada (PAC) do Corgo, que está a uns 30 quilómetros de distancia, un desprazamento que resulta inasumible para aqueles en mal estado de saúde ou que non teñen medios de transporte. “Non podemos permitir que a nosa veciñanza se vexa desatendida desta maneira. É urxente recuperar a atención médica no centro de saúde; é un dereito básico”, afirmou Tellado.

0.21110391616821